Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA

“É unha aposta por relanzar a figura de Camba como un mestre de xornalistas”

Benito Leiro ispe ao escritor arousán no seu libro ‘Julio Camba, un nudista en Vilanova’// Hoxe preséntase no Hotel Palace de Madrid editado por Teófilo

Julio Camba, un nudista en Vilanova é o título da biografía documental escrita por Benito Leiro, e non é unha biografía máis das que se veñen publicando coincidindo co sesenta aniversario do seu pasamento. Julio Camba , un nudista en Vilanova é froito de tres décadas de investigación sobre a vida e obra dun dos máis grandes cronistas mundanos da prensa española e un dos grandes xornalistas galegos, alonxado da información do día a día xa que, como Ryszard Kapuscinski, chegou á conclusión de que “cando se descubriu que a información era un negocio, a verdade deixou de ser importante”.

Benito Leiro, da man de Teófilo Edicións, presenta este luns en Madrid este volumne e faino nun lugar emblemático, o Hotel Palace, onde o escritor arousano (Camba) pasara os últimos trece anos da súa vida (1949 a 1962) como hóspede ilustre, e o autor, veciño ilustre tamén de Vilanova, pernoctou dúas (¿ou foron tres?) noites para recibir o premio Ortega e Gasset.

-Con vostede diante e con Camba na mente apetece máis falar de xornalismo, pero supoño que como Umbral reivindicará aquilo de “he venido a hablar de mi libro”.

Podemos falar do que queira, de xornalismo xa o facemos moitas veces, pero o máis interesante hoxe é falar deste libro e do mestre Camba.

-Podo reflexionar logo con unha pregunta sobre por que deixou vostede o xornalismo activo tan cedo...

Permítame que lle responda cunha cita de Camba e que o faga en castelán: “Mi mayor aspiración sería no tener que escribir”. E vostede xa me entende.

-Non será que, e volvemos a Kapuscinski e tamén en castelán, “para ejercer el periodismo, ante todo, hay que ser buenos seres humanos. Las malas personas no pueden ser buenos periodistas”, e que esa reflexión pertence ao século pasado e non a esta época....

Xa todo o mundo sabe que vostede tenme en gran estima, así que mellor falemos do libro.

_Acaban de saír varias biografías sobre Julio Camba, a última de las ‘Julio Camba. Una lección de periodismo’ de Francisco Fuster, e Afundación organizou a mostra ‘Julio Camba. O home que non quería ser nada’, más ala de que ustedes sexan orixinarios de Vilanova, que aporta este nudista na terra que vos veu nacer.

Ten unha parte documental fundamental xa que se trata dunha ampla colección (máis de cen documentos) de cartas manuscritas, tarxetas postais, fotografías, contratos de colaboración, mesmo albaráns, receitas e fragmentos de artigos que pertenceron na súa maioría a Julio Camba, pero tamén ao seu irmán Francisco e os pais de ambos, Manuel Camba Bóveda e Juana Andreu Temes. Esta biografía documental incorpora ademáis setenta libros catalogados que pertenceron á biblioteca familiar dos Camba Andreu na súa residencia de Vilamaior. Estes títulos intégranse na maior colección documental que se conserva desta saga familiar vilanovesa, unha documentación custodiada por Pastor Pombo Ferro e as súas fillas durante os 60 anos transcurridos dende o pasamento de Julio Camba ata a súa donación aó Concello de Vilanova.

-Pero supoñemos que este libro é algo máis que unha recopilación documental...

Hai un asunto transversal que impregna toda a escrita cambiana: Galicia. Faltaba un traballo biográfico que reflictise as raíces familiares do gran cronista, os seus contactos coa contorna social e veciñal, sobre ese humus cultural arousano no que se foi forxando o seu peculiar estilo.

-E pensa que enche ese, na súa opinión, baleiro....

Afonda nas vivencias de Camba dende á infancia e adolescencia arousán, cando cultivou amizades galeguistas, exerceu como mancebo de farmacia ata a fuga como polisón a Bos Aires, onde se convertiu nun activo anarquista, pasando pola relación con xente como o seu conveciño Valle-Inclán, Ramón Cabanillas, Lisardo Barreiro, Lustres Rivas, Torrente Ballester, Paco Lloréns, Augusto Assía, García Martí ou Asorey, sen esquecer as súas primixenias colaboracións, tanto en galego coma en castelán.

-Antes desa imaxe cosmopolita queda un neno dun pequeno pobo mariñeiro...

No achegamento á personaxe explícase a relación de Camba co seu pobo natal e contorna, analizándoa a través dos seus escritos, pero tamén contando coas voces e testemuñas de persoas que o trataron. Reflíctese como era o neno Julio que presumía de inventar o tobogán no peñón por debaixo do Campanario Vello; que con apenas 12 anos de idade perxeñaba un xornal na casa natal; o adolescente que fumaba e fachendeaba de seductor no adro da igrexa; ou o mozo rebelde que disfrutaba do nudismo décadas antes de que chegaran á ría os bañistas.

-Estando vostede por medio non podía ser de outra maneira: no título vai antes o nome do autor que o do pobo, pero no texto...

A biografía tamén quere ser unha homenaxe de Vilanova á figura de Camba e, á inversa, de Camba ao seu pobo natal. Explícase a súa estreita relación coas xentes da súa querida ría de Arousa, analizándoa a través dos seus escritos, pero tamén sumando as voces e testemuños de persoas que o trataron. O libro demostra que Julio e o seu irmán Francisco fixéronse escritores en Vilanova, porque foi aquí onde con 12 e 14 anos, respectivamente, elaboraban un xornal artesanal na súa casa con textos e debuxos propios. Nisto emularon a Valle Inclán, que fixo o mesmo desde a casa do Cuadrante.

-Temos tamen a outra cara do escritor ao que non lle gustaba escribir?

Esta obra tamén nos achega a un Camba maduro en zapatillas e bata de casa, que nunca madrugaba nin ordenaba os seus papeis; o que seguía practicando un nudismo discreto, baixo a protección do seu barqueiro de confianza; o que paseaba e inspeccionaba as obras do porto acompañado polos seus amigos; o que xogaba as partidas de cartas no antigo Casino; o que veraneaba cada ano en Vilanova e desprazábase polas principais comarcas e cidades galegas da costa e do interior; o veterano e perezoso xornalista que se puña a escribir só cando a fidel asistenta lle advertía da escaseza de recursos pecuniarios.

-Pero Julio Camba forma parte dun Madrid especial?

Como non podía ser de outra maneira. Recolle as súas relacións persoais coas súas amistades de Madrid e os vencellos profesionais cos xornais para os que traballou durante a primeira metade do século XX. A lectura de artigos e crónicas do xornalista, xunto coa revisión de hemerotecas permite revelar aspectos pouco coñecidos do corresponsal mundano, que nos remitiu crónicas inspiradoras dende Constantinopla, París, Londres, Berlín, Nova York, Xenebra, Roma e Lisboa.

_Cal é o que aporta dunha época xa moi estudiada?

.As cartas, semblanzas e documentos periodísticos do columnista galego, un legado que ilustra a súa relación íntima coa nai, Juana Andreu, co seu mellor amigo, Pastor Pombo Ferro, e persoal con escritores do seu tempo, como Rubén Darío, Galdós, Ortega y Gasset, os Baroja, pintores , escultores, toureiros ou xornalistas.

_Xa que fala de xornalistas, é Camba un dos mellores?

Sen pretensións, sen querer ser nada especial, Camba é un dos grandes escritores en Prensa do moderno periodismo español, que segue influindo nas novas xeracións de articulistas. Un nudista en Vilanova é unha aposta decidida por relanzar a figura de Camba como mestre de xornalistas, un mestre que xa alcanzou en certo modo aquel “habrá un mañana para usted”, que lle vaticinara Torrente Ballester.

_Unha anécdota final?

Entre os papeis inéditos de Camba figura un contrato do cronista con ABC asinado en 1940, onde se especifica que o xornalista remitiría ao diario madrileño dous ou tres artigos semanais e cobraría 200 pesetas por cada un deles, o cal era un salario galáctico para un xornalista de posguerra. Tamén descubrimos unha receita do oculista López Enríquez, datada en 1933, que lle prescribe lentes ao escritor porque tiña 2,25 dioptrías no ollo dereito e 1,75 dioptrías no ollo esquerdo.

Un autor al pie del cañón

··· Benito Leiro ejerció el periodismo a pie de obra durante más de 30 años. Comenzó su andadura en El Correo Gallego en 1984, coincidiendo con el centenario de Julio Camba. Después de mojarse en mil tempestades, incluida la del buque Cason en Fisterra o las del furtivismo y contrabando, en 1991 pasó a ejercer como jefe de sección en el Xornal Diario de Pontevedra. Tras el cierre de este proyecto frustrado, aprovechó un año sabático para escribir Un Lugar tranquilo, el libro documental que cuenta la historia del contrabando gallego. En 1993 formó parte del equipo que puso en marcha la edición de Arousa del Faro de Vigo, siendo delegado comarcal hasta 1999. A finales de 2000, ya como redactor en excedencia del Faro, puso en marcha el Gabinete de Comunicación del Concello de Cambados, dirigiendo la revista municipal A Calzada. Estuvo nominado para varios premios, pero solamente le concedieron el Centenario de Julio Camba (organizado por el Concello de Vilanova, 1984); el Ortega y Gasset (diario El País, 1990), junto a Elisa Lois, José Antonio Pérez y Alfonso Freire; el Julio Camba de Caixanova (1999), así como el Reina Sofía de periodismo sobre drogas (2000), como asesor del documental Marea blanca (TVE). Durante las últimas décadas fue referencia obligada para cualquier colega que llegase atraído por la gravedad del planeta Arousa. En el año 2020 fue designado Cronista Oficial de Vilanova de Arousa.

14 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.