El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

50 anos da estrea de 'Os vellos non deben namorarse'

O 25 de xullo de 1961 Cantigas e Agarimos representou por vez primeira a obra de Castelao en Galicia // Foi un Día da Patria 'avant la lettre' con preto de 5.000 persoas na Quintana

OLALLA TUÑAS SANTIAGO   | 24.07.2011 
A- A+

Ezequiel Méndez e López-Veiga
Arriba, a Quintana ateigada de xente durante a representación de Os vellos; abaixo, escea do vello boticario Saturio e o cartaz da representación.
FOTO: Ezequiel Méndez e López-Veiga

Tres días antes da representación chegou o permiso asinado polo Sindicato del Espectáculo da Falange que rezaba: "Pláceme comunicar a vd. que por este sindicato se autoriza el festival indicado". "Viviuse a agarda con moita pasión", lembra Ezequiel Méndez, un dos vellos que saíu a escena nese 25 de xullo coa carauta de Saturio. "Aquilo era unha estrea do pobo", sinala Ezequiel e foi "o primeiro acto de reivindicación do galeguismo despois da Guerra Civil en Galicia", tal e como apunta Vicente López-Veiga, o fillo do director da obra naquel momento, Rodolfo López-Veiga. Méndez resalta que "o reclamo era Castelao, a súa figura e a estrea, que foi unha fermosa homenaxe". O vello Saturio, que daquela tiña 20 anos, gusta de falar daquel día coma "un Día da Patria Galega avant la lettre".

"Máis que medo a represalias, temíase que non se puidera representar", subliña o fillo de López-Veiga. A obra supuxera máis de catro meses de ensaios e preparación ademais de todo o labor do deseño e feitura do decorado a mans do hoxe profesor na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, Ánxel Morón.

"Nas entradas á praza había unha forte presenza policial", recorda Ezequiel Méndez, "máis que pola obra, por medo a que houbera algunha manifestación adicional".

Con todo, as autoridades non se decataron da trascendencia do acto nin do significado que tiña esta obra de aparencia costumista. Eran os comezos dos anos sesenta, os anos máis duros da ditadura franquista, nunha entorna de censura radical nos medios de comunicación.

Despois de Compostela, o grupo de Cantigas e Agarimos, dirixido por López-Veiga actuou en Pontevedra, Vilagarcía e no mes de outubro, nas festas de San Froilán en Lugo. "Non volveron dar permisos", conta Méndez, "viron a magnitude da representación e pensaron que se produciría unha peregrinaxe do galeguismo", pero xa acontecera.

Na Quintana cumpriuse o éxodo e a praza foise enchendo ao longo da tardiña e ás 11 da noite, hora de comezo da actuación, as cabezas chegaban ata a Casa da Parra. "Sentiámonos poderosos", di Méndez, "ata o final non nolo podiamos crer". Segundo os documentos do arquivo de Cantigas e Agarimos, preto de 5.000 persoas acudiron á representación ese 25 de xullo do ano 1961. Foi unha reunión ao aire libre do galeguismo que acudiu dende todos os recunchos de Galicia e España e mesmo de alén do mar, dende Bos Aires e Montevideo.

Reunión de sabios. Eran numerosas as persoas de renome, intelectuais, artistas e escritores que se deron cita na praza, á que tamén acudiron as dúas irmás de Castelao. Dende Ramón Otero Pedrayo ata Álvaro Cunqueiro pasando por Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Antón Fraguas, Manuel Beiras e o seu fillo, Xosé Manuel Beiras, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brey, Ricardo Carbalho Calero ou Xosé Filgueira Valverde, entre outras moitas das xentes da bautizada por Franco Grande como a Xeración da Noite. Todos quixeron estar alí.

"Mesmo os que estaban estudando en Madrid e Barcelona viñeron", explica Xosé Manuel Beiras, quen recorda como naquela época o ambiente "era espléndido" e había "moita sede de cultura".

A representación, naqueles anos do franquismo, cando, en palabras de Ezequiel Méndez, "mentar a Castelao era falar do demo", non tivo moita repercusión na prensa, mais si se falou dela a nivel local. As críticas dos xornais estaban moi mediatizadas polo momento político que estaban a vivir e non se podía obviar unha congregación de case 5000 persoas no centro da cidade compostelá.

Vinte e tantos. Hoxe continúan con vida tan só nove das persoas que traballaron nesta primeira representación, entre os que están Crisanto Sanmartín, que facía de portugués; María Xosé Sanmartín, que era un dos sapos da agonía de Don Ramonciño; a moza Micaela, que era Pili Silvela, e Ezequiel Méndez, o vello boticario namorado de Lela. Quedan con vida os que daquela tiñan "menos de vinte ou vinte e tantos", conta Ezequiel Méndez, "eu son o supervivinte dos tres vellos porque era moi novo daquela". Malia representar o papel do vello Saturio estaba nos seus vinte anos. "Puiden facelo porque vestiamos carautas e sempre tiven esta voz", afirma entre risos co verbo grave. Méndez tiña experiencia no teatro afeccionado co Teatro Español Universitario (o TEU) cos que levou a escena en 1960 a obra Antígona, traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras e Xosé Luis Franco Grande. Antes disto xa participara en obras do daquela Colegio Minerva e hoxe Manuel Peleteiro e do instituto Rosalía de Castro. Co grupo de Cantigas e Agarimos representou amáis de Os Vellos, Los hombres pueden ser dioses en 1962. Despois fixo con Ditea algún papel cando estudaba Dereito e Filosofía e Letras. Como Méndez, outros moitos mozos e mozas "sedentos de cultura" reviviron o teatro en galego naqueles escuros anos de seca e censura dende as aulas.

'A FILLA NEOIORQUINA'

Os vellos non deben namorarse é unha peza de aparencia costumista mais agocha un profundo drama entre liñas.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao comezou a compoñer esta obra en Pontevedra no ano 1931 para logo rematala en Nova York oito anos despois.

Os libros de texto falan dunha obra que condensa a longa tradición teatral europea, co drama máis novidoso xunto cuns personaxes tipo da sociedade galega.

É un drama en catro lances que conta a historia de tres vellos, o boticario Saturio, Don Ramón, un fidalgo vido a menos, e o Señor Fuco, que caen namorados de sendas mozas casadeiras, Lela, Micaela e Pimpinela. Cada un dos lances está dedicado a un dos namoramentos, mais mentres que nos dous primeiros os protagonistas son os vellos que suspiran por mozas que xogan cos seus amoríos ata levalos a unha morte prematura, no último Pimpinela é vítima e protagonista.

O propio Castelao foi o director da primeira representación que tivo lugar no teatro Mayo de Bos Aires no ano 1941 durante o exilio do artista galego na capital arxentina. Terían que pasar vinte anos para que a obra fora levada a táboas galegas da man de López-Veiga.

Foi a Editorial Galaxia a que sacou do prelo a primeira edición de Os Vellos en 1953. Esta incluía os debuxos feitos polo propio Castelao para os decorados e o vestiario dos múltiples actores, todos orixinalmente cubertos con carautas .

A obra foi representada en innumerables ocasións por grupos profesionais e amateurs, entre os que destaca o Centro Dramático Galego que a levou aos teatros galegos no 2000 cunha brillante posta en escena.

TEATRO EN GALEGO. DRAMA 'AMATEUR'

‘Os Vellos’: arranque do teatro en galego. Tras os duros anos da posguerra nos que se censurara ata a desaparición a escena en galego, a representación de ’Os vellos non deben namorarse’ nos sesenta abriu un novo período para o teatro en galego no país. Colectivos como Cantigas e Agarimos, TEU, o teatro da universidade e, tras a súa desaparición, Ditea, agruparon amocidade galega da época que comezou a traballar conscientemente dende as táboas a prol da cultura galega. "Despois da estrea, traducíronse máis obras ao galego e houbo quen as representou, sobre todo grupos de afeccionados", conta Vicente López-Veiga. Este foi o caso da obra Antígona, que foi traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras e Xosé Luis Franco Grande e o TEU levouna a escea da man do célebre director López-Veiga.

O teatro afeccionado. A práctica teatral amateur é un trazo típico da escena galega e del tamén forma parte a obra de Castelao. Os vellos non deben namorarse é unha das obras máis representadas por agrupacións teatrais afeccionadas e escolares no Día das Letras Galegas ano tras ano. Quen non foi Pimpinela?