El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

En Radio Obradoiro

"A familia e os profesores deben motivar ós rapaces para que fagan deporte"

O profesor da Universidade da Coruña, Víctor Arufe, recolle nun libro as claves para construir deportistas dende a infancia // Lamenta "a falta dunha regulación específica das profesións vencelladas ó deporte" // Recomenda reducir o número de horas que os nenos pasan cos videoxogos, estimular o xogo libre e evitar o sedentarismo

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Víctor Arufe, autor de "La construcción del deportista desde la infancia"


SANTIAGO. RO  | 31.08.2012 
A- A+

O profesor da Universidade da Coruña, Víctor Arufe, é o autor do libro "La construcción del deportista desde la infancia", no que ofrece unha visión diferente sobre o proceso de iniciación deportiva e indaga nas razóns polas que os rapaces non fan deporte, e tamén en por que aqueles que o practican o acaban abandonando anos despois.

Este venres, en Radio Obradoiro, o profesor Arufe sinalaba que aínda que as causas polas que os nenos non fan exercicio son múltiples, teñen moito que ver coa familia e a escola. Na súa opinión, "a familia e os profesores teñen que motivalos e inculcarlles a práctica de deportes". Tamén inflúe negativamente, engadiu, "a falla dunha regulación específica das profesións vencelladas ó deporte, o que fai que ás veces sexa considerado algo de broma, pouco serio".

Neste sentido, o profesor Arufe explicaba que "calquera pode ir a un centro deportivo, sen ter coñecementos previos, e ser seleccionado para dirixir o adestramento de centos de persoas". Defende a necesidade de que estas tarefas sexan desempeñadas "por persoas cualificadas e cos coñecementos necesarios", para non perxudicar ós que acuden a facer deporte. Na súa opinión, "falla profesionalidade destes técnicos deportivos".

Sobre as causas que levan ós nenos que practican deporte a deixalo cando medran, o profesor Arufe sinalou que "o abandono sucede a partires dos 14, 15 ou 16 anos. A figura do adestrador é moi importante, e deben inculcarlles valores ós rapaces e adherencia á práctica deportiva". O seu obxectivo é que este libro chegue "a mans dos que traballan con cativos de 3 a 7 anos, que deben ensinarlles habilidades motrices básicas como gatear, camiñar, lanzar ou golpear".

O profesor Arufe recomenda "reducir o número de horas que os rapaces pasan cos videoxogos, estimular o xogo libre que promove o movemento e a coordinación, e evitar o sedentarismo".