El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Afundación inaugurará o outono cun amplo programa de exposicións

As salas da entidade acollerán desde setembro innovadores proxectos artísticos

ECG   | 14.08.2019 
A- A+

Santiago. As salas galegas de Afundación, a Obra Social de Abanca, acollerán este outono un novo ciclo expositivo. A Colección de Arte Afundación, o medio ambiente, o indixenismo pictórico en América Latina ou as matemáticas e a papiroflexia son algunhas das temáticas en torno ás cales xiran as mostras, que se inaugurarán a partir do mes de setembro.

Unha destas exposicións, Con D de arte, xurde dunha escolma dos fondos da Colección de Arte Afundación consonte unha mirada infantil, e busca proporcionar ás familias unha experiencia cognitiva e emocional completa que as interne na arte. Será no Café Moderno Afundación Pontevedra a partir de outubro.

Na sede de Lugo contarán a partir de setembro coa mostra Oswaldo Guayasamín, 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios, centrada nun dos creadores latinoamericanos máis destacados do século XX.

A sede de Santiago acollerá dende outubro Fotografía contemporánea en la Colección Telefónica, en colaboración coa Fundación Telefónica. Así, amosaranse as obras dalgúns dos principais nomes da fotografía contemporánea internacional, como Marina Abramovic, Helena Almeida, Pierre Gonord, Vik Muñiz, Cindy Sherman, Zhang Huan ou Thomas Ruff.

Organizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e comisariada polos profesores desta institución Montserrat Capelán e Javier Garbayo, O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959) está formada por numerosos obxectos e materiais conservados no Fondo Gaos, doado recentemente á USC pola familia do compositor. Terá lugar na sede Afundación A Coruña a partir de outubro.

Afundación e a Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ) presentarán en Ferrol, a partir de setembro, Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia, unha mostra que reúne pezas de papel realizadas mediante a técnica do origami para poñer de manifesto a relación entre as matemáticas e a papiroflexia.

En colaboración con Netflix, Afundación A Coruña acollerá a partir de outubro O noso planeta. Unha completa exposición fotográfica baseada na serie homónima producida.

A través de pezas ade Kandinsky, Picasso ou Lugrís, entre outros, Sonoro empeño. A música nas coleccións Abanca e Afundación ilustra a relación e os puntos en común entre a música e as artes plásticas, e poderá verse en Vigo a partir de outubro.