El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ana Kiro, así cantaba Galicia

O país enteiro chora a morte, onte aos 68 anos, da gran figura da canción popular galega, que hoxe será soterrada en Mera

FRAN P. LORENZO SANTIAGO   | 25.09.2010 
A- A+

X.L. Blanco
ANA KIRO A ollada expresiva, a voz doce e os retrousos melancólicos: a alma da canción popular galega.
FOTO: X.L. Blanco

Seguramente non houbo un verán galego, desde os anos setenta até a presente década, na que a voz de Ana Kiro non ecoara no escenario dunha festa ou dunha romaría. A cantante máis prolífica e querida da música galega finaba onte á mediodía na súa casa de Mera (Oleiros), aos 68 anos. Desde 2006 combatía con afouteza os azoutes do cancro. Ingresos hospitalarios, sesións de quimioterapia -"a quimio galega", dicía ela este agosto pasado, mentres recibía un tratamento co fármaco Yondelis- que sobrelevou con enteireza e valentía, acompañada sempre do seu home, o restaurador Carlos Rivero, da súa filla Mari Carmen e dos seus netos, Iñaki e Eva.

No auditorio Gabriel García Márquez de Mera, onde tivo lugar a súa derradeira actuación, eran onte velados os seus restos mortais, e até alí achegáronse centos de persoas para lle daren o derradeiro adeus a unha figura que integra, por dereito propio, o panteón simbólico da cultura popular galega, aquela que tivo na emigración unha das súas permanentes fontes de vida e alimento.

María Dolores Casanova González, naceu en 1942 na parroquia de Castañeda, en Arzúa. Filla predilecta do concello coruñés, o alcalde desta vila do Camiño lamentaba onte a "perda" dunha "persoa moi humana, natural e íntegra", da que salientou as súas facetas de cantante, comunicadora e actriz, loando a súa capacidade para "conseguir todo aquilo" que se propuña.

Ana Kiro vencellou o inicio da súa carreira musical á colectividade galega emigrada en Cataluña. A Barcelona chegara coa súa familia e desde alí coñeceu a face dunha morriña e dunha saudade que sabería, co tempo, cifrar nunhas letras enchoupadas de nostalxia labrega e mariñeira.

Casada moi nova e tamén moi nova separada, xa cunha filla, Ana Kiro participou como vocalista no programa Galas del sábado, de Televisión Española, que presentaban, na altura, Joaquín Prat e Laura Valenzuela e fixo dúo con mitos da música lixeira como José Guardiola. Da man da discográfica Belter sumouse a aquela onda de voces femininas que tentaban importar algunhas das sonoridades do pop británico e francés dos finais dos sesenta, con selo yeyé. Era o tempo dos festivais de verán, dos 45 rpm e o Kiro do seu apelido semella unha concesión ao necesario exotismo que daquela se lles esixía ás cantantes.

Os primeiros rexistros do seu extenso catálogo recollen, sobre todo, letras en castelán, moitas delas covers de éxitos españois ou aínda internacionais: Marionetas en la cuerda, El rosario de mi madre, ou Paco Paco Paco.

A primeiros dos anos setenta, nas súas primeiras viaxes a Galicia, coñece o compositor Manuel Muñiz. Muñiz é o que adapta un tema popular e llo cede a Ana Kiro para que o interprete. Trátase do Galicia, Terra Meiga, un dos seus máis rotundos éxitos, gravado co selo Olimpo, que acollía rexistros de música galega e en galego. Daquel tema, casette de ouro, vendéronse máis de 100.000 copias e permaneceu tres meses nas listas de vendas. Desde entón, a simbiose de Ana Kiro coa lingua galega -apoiada tamén na colaboración co seu amigo, letrista e cronista infatigábel, Xosé Luis Blanco Campaña-, foise estendendo a traballos como Viva Galicia (1974) ou Así canta Galicia (1975), un disco conxunto con Andrés Dobarro, Pepe Domingo Castaño e Bernardo Xosé. Así até gravar máis de trinta traballos discográficos.

 


A voz dos emigrantes. Ela mesma recoñecía, na derradeira entrevista que lle concedeu á Televisión de Galicia, o título oficioso de "cantante dos emigrantes". Tanto tiña o lugar. Unha vivenda de obreiros galegos en Barakaldo, o piso dunha familia de Touro no barrio do Carmel, en Barcelona, un centro galego de Bos Aires ou Montevideo, en Nova York, en Suiza, Francia ou en Alemaña. Alí onde houbera un galego, estaba Ana Kiro. Prodigouse nos escenarios onde ese público a reclamaba e, como nunha viaxe de ida e volta, a rapariga de Arzúa que tiña o engado na voz e nos ollos estendeu os seus retrousos pícaros e melancólicos polo aire de todas as festas de Galicia. Á beira dun palco ou dunha orquestra, até que a enfermidade llo impediu, Ana Kiro percorría os escenarios da Galicia exterior e interior aquelando o ritmo dunha muiñeira, un pasodobre ou unha rancheira. Fíxoo sempre en galego e ese feito -aínda que nela respondera á naturalidade da súa expresión ou mesmo a razóns de estratexia comercial- adquire hoxe, en tempos difíciles para o idioma de Galicia, a categoría de exemplo. Así o manifestaba onte, nun comunicado A Mesa pola Normalización Lingüística, quen lle agradecía "o firme compromiso amosado sempre coa nosa lingua e a nosa cultura da mellor maneira posíbel: isto é, a través do seu uso, popularizando un amplo repertorio musical desde o galego nun contexto ben difícil". Segundo a Mesa, Ana Kiro empregou "sempre o galego na súa música, mesmo a pesar do tópico interesado que sitúa o feito en galego como incompatíbel co éxito comercial".

O soterramento dos restos mortais de Ana Kiro terá lugar hoxe, ás 19 horas, no cemiterio parroquial de Serantes, en Mera, cabo da que foi a súa casa. A esa despedida, segundo confirmou onte a Xunta de Galicia, asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e todos aqueles que admiraron o seu xeito de dicir e de entoar, os seus diminutivos garimosos, o dobre sentido, a fina ironía: a sabedoría e a beleza do pobo, nunha palabra.

tendencias@elcorreogallego.es