El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A análise en Lobios o papel dinamizador dos balnearios

Organizado polo proxecto Raia Termal, o encontro estudará a influencia no desenvolvemento socioeconómico da súa zona

José Antonio Quiroga, esq., Rosendo Fernández e José Adriano, onte na presentación - FOTO: G.
José Antonio Quiroga, esq., Rosendo Fernández e José Adriano, onte na presentación - FOTO: G.

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 11.09.2019 
A- A+

O Balneario de Lobios acollerá un congreso internacional que baixo o título Termalismo 2021-2027: dinamización dos territorios e reto demográfico, analizará o papel dos balnearios no desenvolvemento socioeconómico dos territorios nos que están situados.O simposio, que terá lugar o 17 e 18 de setembro, está organizado polo proxecto Raia Termal, co liderado da Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e os municipios transfronteirizos de Terras de Bouro e Melgaço.

A presentación deste evento formativo tivo lugar onte na sala de xuntas da Subdelegación de Goberno en Ourense, e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da CH Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o concelleiro de Economía e Turismo da Cámara Municipal de Melgaço, José Adriano Lima.

Trátase dun evento internacional que pretende converterse "nun espazo de reflexión sobre a procura de fórmulas de cooperación para manter e incrementar a contribución do sector termal ás economías dos pequenos municipios nos que se asentan maioritariamente estas instalacións", explicou Fernández.

O encontro resaltará "o valor social do sector e dará visibilidade á importancia da actividade económica que xera", dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, quen lembrou ademais que se trata dun sector que "fixa poboación e emprego no rural, onde o termalismo permite combater os desequilibrios demográficos".

Pola súa parte, o presidente da CHMS destacou a relevancia deste congreso e a gran acollida que tivo, afirmando que "o primeiro día que se abría o prazo para participar no evento xa se apuntaron 60 persoas a nivel internacional".

Ademais, salientou que participarán persoas de 17 países: España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Croacia, Arxentina, Brasil, Costa Rica, Colombia, México, Chile, Ecuador, Panamá, Tailandia e Emiratos Árabes.

No congreso haberá relatores internacionais expertos e, "froito da relevancia do evento, tamén estarán dous secretarios de Estado: o de Turismo de Portugal e o de Medio Ambiente de España", engadiu.

José Adriano Lima resaltou que se amosará a importancia dos balnearios termais, "fontes de riqueza" e o seu papel na dinamización dos territorios.

OS DATOS

Iniciativa O congreso atópase dentro do proxecto Raia Termal, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020.

 

Único destino Pretende poñer en valor os recursos termais e vertebrar as iniciativas de xestión e comercialización para crear un único destino termal de fronteira.