Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Analizan o Blanco Amor máis cronista da nosa sociedade

Francisco López cualificouno de divulgador da cultura galega no ciclo 'Galicia, ceo das letras'

O ciclo que se está a celebrar no Gaiás e que ten como obxectivo honrar os grandes da nosa cultura fixo escala onte en Eduardo Blanco Amor.

A mestría do poeta ourensán e a súa agudeza como cronista dos estratos máis oprimidos e de personaxes que vivían nas marxes da sociedade, centrou onte pola mañá o Galicia, ceo das letras, ciclo que desde xaneiro se desenvolve dous sábados ao mes na Biblioteca da Cidade da Cultura e que toca ao seu fin. A última sesión, dedicada a Jorge Luis Borges, está prevista para o día 25 de xuño e contará cunha invitada de excepción: a viúva e musa do escritor, María Kodama.

No decurso do acto, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou a importancia de Blanco Amor como un dos auténticos "renovadores da narrativa galega", ao tempo que gabou a "súa ruptura co costumismo imperante na época na que viviu" e "o seu traballo incansable como divulgador e activista da cultura galega" nas súas diferentes facetas.

Pola súa banda, Bieito Iglesias, profesor, tradutor, xornalista e novelista, foi o encargado de achegar o público ao universo literario deste ourensán, autor de novelas como A Esmorga ou Xente ao Lonxe, fundador de revistas como Terra e mesmo editor de textos como Seis poemas galegos de García Lorca.

Pola súa produción literaria, Bieito Iglesias conta na súa carreira co Premio García Barros, o da Crítica ou o Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil. A sesión, amadriñada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, estivo presentada polo presidente desta entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias, e pola secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas. Ademais, estreouse o documental EBA, universo Blanco Amor, producido por esta asociación, que representa a 380 escritores. A través de diferentes entrevistas trázase un retrato da vida de Blanco Amor.

Na sesión que se dedicará a Borges, última do ciclo coa que se pechará este Galicia, ceo das letras, e para a que xa se esgotaron as prazas, ademais da viúva do escritor, está previsto o concerto de Mónica Monasterio e Horacio Lovecchio, intérpretes arxentinos de música tradicional sefadí e contemporánea xudeu-española. A sesión estará presentada por Claudio Rodríguez Fer.

tendencias@elcorreogallego.es

artistas novos na CdC

••• A Fundación Cidade da Cultura de Galicia abriu, ata o próximo día 15 de xullo, o prazo de inscrición para participar no I Encontro de Artistas Novos. Cidade da Cultura, que terá lugar no Gaiás do 4 ao 9 de setembro. Segundo explicou a Xunta, as bases, o programa e a documentación para efectuar a inscrición poden descargarse xa na web www.cidadedacultura.org/programacultural. O encontro, no que 100 novos creadores convivirán durante seis días con artistas consolidados, está dirixido a novos artistas galegos, do resto de España e outros países. Os seleccionados participarán neses días en conferencias e talleres sobre a situación actual da arte contemporánea.

12 jun 2011 / 01:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito