El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Analizan na USC a pegada da endogamia nos trazos do rostro dos Habsburgo

Dez cirurxiáns maxilofaciais encargáronse do diagnóstico da deformación da cara en 66 retratos de membros da dinastía

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 03.12.2019 
A- A+

A "mandíbula habsburga", unha condición facial dos monarcas españois e austríacos da dinastía dos H­absburgo e as súas esposas, está relacionada coa endogamia, segundo u­nha investigación da USC e cuxos resultados recolle Annals of Human Biology.

O traballo analizou a deformidade facial a través dos retratos históricos e o grao de parentesco para determinar se existía unha relación directa entre os dous factores, tendo en conta a base xenética da relación.

Os matrimonios entre membros da mesma familia en Europa durante máis de dous séculos de dinastía en España e Austria determinaron esta condición que non se tiña investigado, confirmándose que a barbadela dos seus membros, a "mandíbula habsburga" debíase á endogamia.

"A dinastía dos Habsburgo foi unha das máis influíntes en Europa, pero era coñecida pola súa endogamia, que acabou derivando na súa desaparición. Trátase da primeira vez que se ten confirmada unha relación entre a endogamia e a aparición da mandíbula habsburga", indica Román Vilas, investigador da USC que liderou este estudo.

Foron claves as achegas do profesor da USC Gonzalo Álvarez Jurado e de Francisco Ceballos, da Universidade de Witwatersrand. A tese deste, dirixida por Álvarez, iniciou o estudo dos efectos da consanguinidade nas dinastías europeas hai unha década.

Seleccionaron dez cirurxáns maxilofacilais para facer o diagnóstico da deformación facial en 66 retratos de quince membros da dinastía. A pesar da diferenza no estilo artístico-pictórico, os retratos ofrecían unha representación realista do rostro humano. Os cirurxiáns diagnosticaron once características distintivas da articulación mandibular e sete indicios de deficiencia maxilar, sendo as máis distintivas o prominente labio inferior e a punta nasal caída.

Os retratos consérvanse en museos como o da Historia da Arte de Viena ou o do Prado de Madrid. Os expertos estableceron un sistema de puntuación do grao de luxación mandibular en cada membro da familia habsburga. María de Borgoña, que casou cun membro desta dinastía en 1477, mostraba o menor grao de deformación en ambos os dous trazos.

O membro que presentaba esta luxación algo máis acusada era Felipe IV, rey de España e Portugal entre 1621 e 1640. Os maior grao de luxación obsérvase en Maximiliano I, rey dende 1493; a súa filla Margarita de Austria; o seu sobriño Carlos I de España; Carlos, o bisneto de Felipe IV, e o último na liña de sucesión dos Habsburgo, Carlos II.