El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Antonio Fraguas, o home dos retos da vida pública e das institucións

Destaca o conselleiro de Cultura a súa gran achega na apertura da mostra no Museo do Pobo Galego sobre o intelectual de Cotobade

Autoridades onte na apertura da exposición no Museo do Pobo Galego - FOTO: ECG
Autoridades onte na apertura da exposición no Museo do Pobo Galego - FOTO: ECG

LUIS MONTERO  | 15.05.2019 
A- A+

O compostelán Museo do Pobo Galego acolle desde onte a exposición Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019 sobre o homenaxeado nesta ocasión pola RAG. Unha mostra sobre a biografía e a obra deste personaxe organizada conxuntamente polo centro museístico e a fundación que leva o seu nome.

Nun acto presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, este enxalzou o papel do historiador de Cotobade como "home das institucións e dos retos da vida pública" pola súa achega como intelectual nos eidos da cultura, a arqueoloxía, a xeografía, a arte ou a etnografía, por exemplo.

Na súa intervención, subliñou que se trata dunha exposición "rigorosa e feita co corazón" que repasa o "legado intelectual ético e humano" de Fraguas, ao tempo que enxalza a lingua e a cultura galegas.

Para o titular de Cultura, o recoñecemento a Antonio Fraguas no Día das Letras deste ano permite destacar o papel dun home "que pensou sobre Galicia pensando na construción" da comunidade, xa que no seu labor como xeógrafo e historiador "tratou de expor e explicar o noso pasado e a nosa tradición para ofrecer sólidas bases de futuro".

A mostra consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida do intelectual de Cotobade, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, membro activo das institucións máis destacadas da cultura do país ao longo de oito décadas fecundas. E outro apartado no que se abordan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual, como a arqueoloxía, xeografía, historia e arte, etnografía e divulgación.

Permanecerá aberta ao público até o 28 de decembro, data do 114 aniversario do homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Por outra parte, e segundo explicou nun comunicado o Museo do Pobo Galego, en setembro está programada a mostra dos traballos premiados no IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas: Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade, do CEIP Ana María Diéguez de Asados, no concello coruñés de Rianxo, e Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, do CPR María Inmaculada de Silleda.

En novembro, en colaboración coa Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, haberá un simposio no que, ademais de pasar revista á súa obra, recoñecidos especialistas presentarán unha visión actualizada dos coñecementos e a metodoloxía nas ramas das ciencias humanas.