El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Apoio á innovación musical no Gaiás co ciclo Viraxes

Tres bandas populares atreveranse co circo, o teatro e a clásica nos seus concertos, que terán lugar en setembro e decembro

Viraxes convertirá a Cidade da Cultura no epicentro da innovación musical en Galicia - FOTO: G.
Viraxes convertirá a Cidade da Cultura no epicentro da innovación musical en Galicia - FOTO: G.

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 12.09.2019 
A- A+

O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia, que en setembro e decembro levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica.

Nestes tres concertos, a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión Musical de Meaño e a Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do coro Gli Appassionati, o do grupo de teatro Todos xuntos ou o da compañía galega de circo Pistacatro.

Como resultado, Viraxes propón un plan de sábado, con entrada de balde, no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos e pequenas da casa.

Os concertos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para fomentar a experimentación e innovación no eido musical.

O ciclo arranca no Xardín do Teatro do Gaiás o 21 de setembro con Carmina Burana, a cantata escénica profana de Carl Orff que cativa a todos os públicos coa súa espléndida percusión e riqueza rítmica que dá variedade ao conxunto e impide calquera monotonía.

A versión que se representará no Gaiás é unha tradución íntegra dos textos medievais ao galego, con música do século XX feita por músicos galegos e con máis de 150 artistas no escenario.

Dirixido por Manuel Villar Touceda e interpretado pola Banda de Música Municipal de Valga e o coro Gli Appassionati e tres solistas (soprano, tenor e barítono), este Carmina Burana en galego exemplifica a busca de Orff dun formato que revele o poder elemental da música, permitindo ao oínte experimentala como unha forza primitiva e abrasadora.

O concerto terá lugar ás 18.00 horas e será de entrada libre e de balde ata completar a capacidade do auditorio ao aire libre.

Viraxes continuará xa en decembro con outros dous espectáculos, que nesta ocasión terán lugar no Museo Centro Gaiás.

Por unha banda, a Unión de Guláns -unha das máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX- interpretará o 7 de decembro o espectáculo MIB: Músicos in black, xunto ao grupo de teatro Todos xuntos.

Trátase dun proxecto teatral nado da colaboración entre ambas formacións e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas.

MIB trae un relato sobre a importancia da música na vida cotiá, contando en clave de humor os hilarantes sucesos que acontecen tras unha aterraxe alieníxena nunha aldea galega.

O 14 de decembro o circo protagonizará o último espectáculo co proxecto Orquestra de malabares, da Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro.

Concibido para asistentes de todas as idades, se dirixe especialmente a un público de tipo infantil e familiar, que de seguro gozará desta abraiante danza aérea nun diálogo escénico mantido entre seis malabaristas e unha banda de música.