El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Aposta pola acción exterior e a renovación institucional no CCG

Nun pleno, o Consello da Cultura Galega acorda impulsar a recuperación da figura de Antón Fraguas // SondeSeu ofrecerá o Concerto das Letras Galegas

Vista xeral dos participantes na sesión plenaria ordinaria do Consello da Cultura Galega celebrada o xoves - FOTO: CCG
Vista xeral dos participantes na sesión plenaria ordinaria do Consello da Cultura Galega celebrada o xoves - FOTO: CCG

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 12.01.2019 
A- A+

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán do xoves unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou o programa de actividades para 2019. Entre elas figura o Concerto das Letras Galegas, que este ano correrá a cargo da orquestra SondeSeu; a colaboración institucional para a recuperación da figura de Antón Fraguas, ou unha maior innovación nos formatos de actividades, así como o reforzo das actuacións en materia de acción exterior e emigración.

Nesta última liña, sitúase a exposición Os adeuses, en Ellis Island (Nova York), que se inaugura o 9 de febreiro e irá acompañada dun variado programa cultural. A sesión, presidida pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, contou coa presenza do presidente de honra da institución, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou na súa intervención a relevancia do papel asesor do CCG. A acción exterior e a emigración terán neste 2019 unha grande importancia nas liñas de traballo do Consello da Cultura Galega. O arranque terá lugar o 9 de febreiro, coa inauguración de Os adeuses, que documenta os últimos momentos da emigración galega cara a América, nun lugar emblemático para os movementos migratorios como é Ellis Island. Este illote é moi coñecido por ser, na primeira metade do século XX, a principal entrada dos inmigrantes que chegaban aos Estados Unidos de América, por iso a mostra ten relevancia.

Acompañando á exposición, haberá un variado programa cultural, pensado para situar a cultura galega neste emblemático espazo. Ademais, o CCG traballará na redacción dun plan director, no que buscará darlle un pulo destacado á creación dun Museo da Emigración. Para o desenvolvemento do programa de actividades, así como para o funcionamento ordinario da institución, o CCG conta para este ano cun orzamento de 2.679.233 euros, 132.008 máis que en 2018.

Con esa cantidade preténdense manter as liñas de traballo habitual e buscarase unha maior renovación nos formatos e unha maior transversalidade para chegar a novos públicos. Esta liña de anovación arrincou en 2018, cando se renovou o 52 % dos integrantes do Plenario, Arquivos, Seccións e Comisións e que terá a súa translación aos formatos e propostas de actividade.

Nas actividades destacan unha xornada sobre "papel cero", a creación dun foro de pensamento mensual con personalidades galegas, unha xornada sobre mulleres e antropoloxía así como a continuidade de proxectos xa consolidados como os Encontros co patrimonio cultural e as xornadas de igualdade.

Neste ano, o CCG organizará os concertos institucionais habituais: o Concerto das Letras Galegas e o formato didáctico-musical No bico un cantar. A institución tamén desenvolverá, en colaboración con outras entidades, numerosas accións arredor da cultura patrimonial, en homenaxe ao legado de Antón Fraguas neste campo.

A presidenta destacou que xa se iniciaron os traballos de preparación das actividades a medio prazo, con especial atención ao Xacobeo, e as homenaxes á xeración Nós, á figura de Concepción Arenal ou ás Cantigas de Afonso X.

Ademais, darase unha maior difusión ás exposicións elaboradas polo CCG.

Case cen actividades no 2018. Na sesión plenaria tamén se deu conta da actividade desenvolvida pola institución no 2018. En total, realizáronse 94 actividades, nas que participaron 346 relatores. Foi especialmente destacado na elaboración de informes: ademais do citado por Feijóo, presentouse un arredor da provisión de postos directivos nas institucións culturais, outro sobre o Museo de Arte Carlos Maside e un referido ao Centro Gallego de Bos Aires; tamén se elaboraron oito informes para a declaración de BIC e 47 de avaliación de impacto ambiental.

Destacable función asesora. Feijóo destacou o relevante papel d­esenvolvido polo Consello da Cultura Galega na súa función asesora, nomeadamente no informe que serve de base para a elaboración da Estratexia da Cultura Galega que prepara o Goberno galego. Nesta liña, a institución realizará e presentará ao longo deste ano varios informes sobre temáticas variadas, como a presenza da muller na cultura galega ou a situación do sector audiovisual.