El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A arte galega fica sen a ollada emocional e poética do pintor Xosé Luís de Dios

Os restos mortais do artista, nado en 1943, vanse incinerar hoxe en Vigo//Fundou O Volter con Xaime Quessada e Acisclo Manzano

FRAN P. LORENZO SANTIAGO   | 03.08.2010 
A- A+

C. Tobío
EN SANTIAGO De Dios, nunha exposición na Galería José Lorenzo en 2003
FOTO: C. Tobío

Querido polos seus, comprometido coas súas ideas, íntegro, reflexivo, humilde. Así lembran os que o coñeceron a Xosé Luis de Dios, cuxos restos mortais serán incinerados hoxe no Tanatorio Vigomemorial, ás 12.00 horas. Marcha en silencio, sen facer ruido, como el mesmo quixo. A morte, un aneurisma, sorprendeuno a pasada noite na súa casa de Tui, a vila na que vivía canda a súa dona Esther, profesora no Instituto Francisco Sánchez da localidade miñota, e onde seguía a pintar. Tiña 67 anos. De Tui foi trasladado ao Hospital do Meixoeiro de Vigo, onde se certificou a súa morte. Onte familiares e amigos como Xosé Manuel Beiras, Pepe Cáccamo, Tomás Camacho, Chonchiña Comesaña, Manuel Martínez, Enrique Maté ou Marga Romero despedíano no tanatorio de Guillarei.

O nome do pintor ficará vinculado para sempre ao territorio soñado de Ourense. Alí naceu en 1943, e alí, en 1963, tras o pasamento de Vicente Risco, participaría na fundación d'O Volter, un grupo que suporía a reconexión da plástica galega coa vangarda decapitada polo réxime franquista pero tamén a necesaria filiación co contexto europeo no que aqueles novos artistas -os artistiñas, chamábaos Risco, con agarimoso apelativo- empezaban a medrar.

Con Xaime Quessada, xa finado, e Acisclo Manzano, Xosé Luis de Dios iniciou desde o faladoiro do Bar de Tucho/Café Volter, o debuxo dun novo tempo na plástica galega. Daquela galaxia participaron tamén creadores tan recoñecidos como Buciños, Virxilio, Arturo Baltar ou Xabier Pousa. Pero Xosé Luis de Dios foi máis que O Volter. Nunha entrevista concedida a La Región no pasado 2008, coincindo coa mostra antolóxica que Caixanova lle dedicou nos seus centros de Vigo e Ourense -e que glosaba cincuenta anos de creación continuada- afirmaba: "Son partidario da aventura persoal, de ser un mesmo, agora xa non disputo territorios". Esa individualidade, allea a modas, tendencias e preocupacións mercantilistas, é quizais o aspecto que singulariza a obra de Xosé Luis de Dios, unha pintura, rebordante de cor, fondamente emocional e poética, que se asenta no oficio e nun prodixioso dominio do debuxo, e que observa sempre un estimulante equilibrio entre a figuración e abstración, con alustros de ironía e de crítica social.

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, remitíalle onte un telegrama á familia do finado e aseguraba que o pasamento de Xosé Luís de Dios "é unha noticia tráxica e triste para a cultura galega, xa que perdemos un dos mellores pintores das últimas décadas".

A ferramenta da conciencia No catálogo que se editou para a devandita exposición da serie Grandes Artistas Galegos, Manuel Rivas -para quen o artista debuxou a tenra aperta de amor que ilustrou a capa da súa novela O lapis do carpinteiro, na edición de Xerais- lembraba que "na obra de Xosé Luis de Dios está toda a historia da pintura, mais expresada ao xeito dun paradoxo esencial. Por iso na primeira achega sempre temos a sensación de estar ante unha obra clásica e orixinal. E iso é posíbel non só pola sabedoría, polo oficio de pintar, senón tamén pola ferramenta da conciencia, o que algúns renacentistas chaman a man sincera. O que hoxe pinta a man sincera de Xosé Luís de Dios, dun xeito maxistral, é dicir, sutil, é a intuición máis tráxica da metamorfose da natureza, engulida pola sociedade do risco", sinalaba nese limiar o narrador.

Non só Rivas senón Otero Pedrayo ou Méndez Ferrín achegáronse nalgunha ocasión, a través dos seus textos, a unha carreira plástica que tivo Madrid como escenario, denantes do regreso a Galicia e ao Tui que o acolleu. Alí foi para moitos dos seus veciños un referente moral e intelectual, unha compaña inesquecíbel que hoxe, como a propia arte galega, despiden cunha tristura difícil de domear.

tendencias@elcorreogallego.es

O MURAL DO BERBÉS

'Fóra do sagrado'. Con Xoán Carlos de Dios, Xosé Luis asinou o fermoso mural do Berbés que serviu de pano de fondo do acto poético-musical co que Anxo Angueira, Leo i Arremecághona e Aser Álvarez presentaran o poemario de Angueira, 'Fóra do sagrado'.