El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

XOSÉ RAMÓN POUSA, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

“As noticias falsas combátense coa credibilidade do bo periodismo”

Sereno sempre, retranqueiro, conversador de amplio espectro, coñecedor das mil e unha historias dunha Galicia que ama sen reservas e, por riba de todo, periodista de longo alento, Xosé Ramón Pousa pecha no decanato unha traxectoria exemplar na prensa e na radio. El é unha das glorias dunha profesión que agoniza para, quizais, se reinventar.

Xosé Ramón Pousa - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Xosé Ramón Pousa - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

LOLA SENRA. SANTIAGO   | 13.01.2019 
A- A+

Noraboa pola elección de decano, como se sinte un profesional da información e un docente cando chega a un posto universitario desta relevancia?

Grazas, pero ser decano non ten maior relevancia. E máis unha consecuencia de certa experiencia na xestión acumulada ao longo dos anos, que toda organización incluída a Universidade trata de aproveitar, que da sabedoría que caracteriza a moitos docentes e investigadores.

Cal é a súa folla de ruta?

Superado o difícil proceso de acreditación das dúas titulacións e do sistema de garantía de calidade do centro, que sufrimos o ano pasado, neste segundo mandato os nosos esforzos van centrarse na reforma dos plans de estudos de Xornalismo e de Comunicación Audiovisual. Queremos tratar de introducir novas materias e adaptar os contidos académicos a unha realidade profesional que nos últimos dez anos ten mudado dun xeito asombroso.

Por outro lado, co apoio do goberno da universidade, queremos impulsar o proceso de renovación do persoal docente, tras anos de paralización pola crise da carreira académica de moitos docentes, facilitando a estabilización e a creación de novas prazas de profesorado. Temos que recuperar a normalidade.

Vivimos tempos moi turbulentos no xornalismo, que futuro lles agarda aos que hoxe se forman nesa facultade?

Estamos nun momento de cambio de todos os paradigmas. Non pode ser que na Sociedade da Comunicación que caracteriza a etapa histórica na que entramos, o xornalismo non teña futuro. A comunicación e o periodismo van a xogar un papel fundamental, como elementos básicos para a democracia, e como unha esixencia para unha sociedade que se basea precisamente na boa información, tanto a nivel político como cultural e económico. Nese concepto de 'boa' información é na que vai xogar un papel determinante o xornalista como seleccionador de contidos entre tanta vasoira como se xera.

Cambiamos e non sabemos aínda moi ven cara onde. O certo é que o xornalismo tradicional está esgotándose, nuns soportes máis que noutros, e aínda non está claro o modelo de negocio do novo xornalismo. Pero, neste impas, agroman novas saídas profesionais impensables ata o momento. Os nosos alumnos fórmanse para traballar nun xornal, nunha emisora de radio ou nun plató de TV, pero tamén para o novo mundo da comunicación electrónica e, nestes momentos, lamentablemente, saben que as súas posibilidades laborais están máis neste sector que no periodismo tradicional.

Fake news, redes sociais, xornalismo virtual... que lle suxiren estes termos tan de actualidade?

É o que estamos dicindo. Pero, noticias falsas sempre as houbo. Antes eran ocasionais e exclusiva dos grandes medios de comunicación e agora están a disposición de calquera con acceso á rede. O cal multiplica o problema. Isto solo se combate con marca: a cabeceira dun medio con garantía de credibilidade, ou coa firma dun xornalista de prestixio. Para min é aí onde está o futuro da profesión. É certo que será moi difícil recuperar a financiación por publicidade, e que a caída da publicidade levou a moitos medios a perder a súa independencia. Pero na confusión reinante cada vez é máis necesaria a información certa e haberá xente disposta a pagar por un produto fiable e de calidade.

Estamos ao comezo dun proceso difícil que, como no inicio da revolución industrial, vai sementar moitos cadáveres, pero os que se transformen e saiban adaptarse teñen o futuro asegurado.

Levamos matando o papel da prensa dende hai décadas, que futuro lle agarda á escrita?

Non só é un problema do papel, rexeitado polos máis xoves. A prensa escrita e de distribución en quiosco ten os días contados. Ese ciclo de case 24 horas entre que se escribe o xornal e chega ao lector está totalmente roto. A radio, a televisión e agora Internet afixeronnos a un consumo en continuidade dos soportes, con actualización inmediata. Iso xa non é posible no papel.

Pero o periodismo escrito vai existir sempre. Máis minoritario, dende logo. Con contidos moito máis especializados e menos dependentes da actualidade. Máis de opinión que informativos. Seguramente dirixidos a unha elite económica ou cultural. Un dos campos de especialización máis claros pode ser o local.

A televisión convencional está poñendo as barbas a remollo, é para tanto?

A televisión en aberto cunha programación lineal e xeneralista está en crise. En menos de 30 anos pasamos de dúas a centos de programacións. A TV perdeu a súa capacidade de penetración, diminuíu o tempo de consumo, e a súa audiencia envellece, e xa non soportamos os anuncios. O que sucede é que a oferta de todo tipo de contidos multiplicouse esponencialmente, as programacións á carta están ao acceso de calquera, os contidos visuais non televisivos en Internet están cheos de atractivos... E o día segue a ter 24 horas. Con este panorama a supervivencia en aberto será moi complicada.

A radio parece que aguanta, cales son as claves de supervivencia das grandes cadeas?

A radio ten moitas vantaxes: é un medio barato, nunca cobrou polo produto, e resulta insubstituíbel no coche, na cociña, na cama. A máis, foi o primeiro medio con certa interactividade a través do teléfono e, dende logo, o que mellor se está adaptando a Internet. A radio é un dos medios compatibles con calquera actividade. Polo tanto ten un nicho de mercado bastante sólido. Agora ben, tamén se produciron cambios, quizais positivos para a súa supervivencia, pero moi negativos para a súa esencia. Por exemplo, en vinte anos o proceso de concentración empresarial deixou o sector en mans de solo tres grandes empresas que controlan o 70 % dos ingresos.

Como debería ser un xornalista do futuro?

Se eu soubese como vai ser o xornalismo do futuro estaría noutra dimensión. Eu agardo que os xornalistas de mañá, primeiro, teñan algo que contar. Que o conten con rigor, con honestidade, e poñendo as miras nos intereses xerais da audiencia e non das fontes interesadas. Que sexan persoas preparadas. Estar preparado non é ser unha eminencia en todo, senón ter dotes para preparar os temas. Que resulten interesantes na forma e no fondo de abordar os temas. Que dominen as linguaxes do medio no que traballen e que teñan capacidade para escoitar e recoller estímulos da audiencia. A min con isto chegaríame. Agora que o fagan nun soporte tradicional ou por inventar, sería o de menos. Iso si, fundamental, que poidan vivir dignamente do seu traballo.

Sempre se fala de noticias sagradas, opinións libres, pensa que os medios solventes continúan aplicando estas sentenzas?

Que a noticia sexa certa é indispensable para que exista xornalismo. E máis, solo isto xustifica esta profesión. Agora ben, todo feito, toda noticia é interpretable, e aquí o xornalismo de opinión, se é honesto, ten un futuro claro porque a xente busca que lle axuden a interpretar os feitos.

Por que una carreira con nota de corte tan alta está, en xeral, tan devaluada e mal pagada?

Mal pagadas e devaladas están neste momento case todas as profesións. O que acontece é que o Xornalismo e a Comunicación seguen a ser apaixonantes. E, aínda que o sector está moi mal, pola metamorfose que está a sufrir, os mais novos aínda confían no seu futuro e teñen expectativas. A min no me gusta o sistema de seleción do alumnado e sería máis partidario dunha proba de centro, como a que vivín cando comecei a carreira. O sistema de acceso a Universidade, mesturando o interés pola titulación cos números clausus, é o que está a provocar estas notas de corte tan elevadas que deixan fora a moita xente cun compoñente vocacional, que resulta esencial, pero que non se valora.

Vivimos nun país fermoso que produce envexa ou temos más defectos que virtudes?

Ser e sentirme galego é unha das cousas que máis me motivan na vida. Estamos cheos de problemas por solucionar, temos defectos incorrixibles e, tamén, virtudes manifestas, pero, ao menos no meu caso, existe a confianza de loitar e a esperanza de deixar unha Galicia mellor da que recibín a mediados do século XX.