El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Aspiran a converter Galicia nun destino de primeiro nivel

Un mapa recolle máis de dous mil recursos enogastronómicos // Poñeranse en marcha novos produtos turísticos que impulsarán o número de visitantes

FOTO: G.
FOTO: G.

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 03.12.2019 
A- A+

Baixo o nome de Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, nace un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa comunidade máis de dous mil recursos enogastronómicos. Trátase dunha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a autonomía como destino enogastronómico de primeiro nivel e que onte presentou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, nun acto celebrado no Castelo de Pambre, en Palas de Rei.

Segundo o responsable de Cultura, este proxecto -que será compartido co sector para o seu uso profesional- permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da comunidade, co fin de optimizar o traballo neste sector.

Precisamente, salientou que tanto esta como o resto de accións incluídas ao abeiro da estratexia Galicia Sabe suporán un "verdadeiro impulso" para a enogastronomía galega, que na actualidade constitúe a segunda razón pola que os visitantes chegan a Galicia.

Entre as novidades qneste proxecto destacan, por unha banda, accións para o recoñecemento e protección do sector enogastronómico da nosa terra.

Entre esas iniciativas, o impulso á declaración da gastronomía como patrimonio cultural inmaterial galego, que recoñecerá o "peso e valor incalculable" que ocupa a enogastronomía dentro da cultura e sociedade de Galicia.

Ademais de promover esta declaración, a estratexia favorecerá a elaboración da chamada Memoria do sabor, unha guía do "enorme patrimonio culinario de Galicia" que exercerá como recompilación de costumes, produtos, prácticas culturais ou receitas que definen a cociña da nosa comunidade autónoma.

O segundo dos eixos desta folla de ruta pasa por impulsar o coñecemento, a formación e o I+D+i vinculado á gastronomía con accións como a creación do Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia. Neste eido, Galicia sabe inclúe tamén entre as súas liñas de acción o proxecto de renovación do Centro Superior de Hostelería para convertelo nun polo de innovación tecnolóxica coa creación do novo grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira en colaboración coa USC, e a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro para dinamizar a actividade emprendedora neste sector.

Permitirá impulsar itinerarios e rutas arredor de produtos agroalimentarios con tradición, amparados por Denominacións de Orixe, Identificacións Xeográficas Protexidas ou outras marcas de calidade.

referente dentro e fóra

•••O responsable de Cultura e Turismo da Xunta destacou que esta batería de medidas incluídas ao abeiro da estratexia Galicia Sabe permitirá "fortalecer" o sector enogastronómico da comunidade, que cualificou como un dos "piares" do modelo turístico galego pola súa capacidade por atraer poboación a toda a autonomía e polo seu efecto "desestacionalizador", permitindo atraer visitantes durante todo o ano. Precisamente, lembrou que a Xunta leva realizado un intenso traballo no impulso e fortalecemento das potencialidades da enogastronomía galega. Entre esas accións citou o Plan de Dinamización das comarcas vitivinícolas, que conta cun investimento de máis de 750.000 euros, ou as axudas por 1,2 millóns aprobadas a semana pasada para a mellora e modernización de aloxamentos turísticos e que este ano inclúen os locais de restauración.