El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ata sete satélites da UVigo estarán orbitando arredor da Terra en 2019

Máis de 200 especialistas e investigadores participaron no congreso New Space España

A xornada comezou cunha mensaxe do ministro de Ciencia, Pedro Duque - FOTO: Duvi
A xornada comezou cunha mensaxe do ministro de Ciencia, Pedro Duque - FOTO: Duvi

JUAN DAVID VIGO   | 30.11.2018 
A- A+

A Universidade de Vigo porá catro satélites máis no espazo entre este ano e o 2019, que se suman os tres xa postos en órbita pola institución académica ao longo destes últimos anos.

Satélites que orbitan máis ou menos a unha distancia de 500 quilómetros e que serven para detectar incendios ou predicir a súa evolución, entre outras moitas funcións.

Trátase dunha nova clase de satélites que forman parte do chamado New Space, unha corrente sobre a que estiveron debatendo onte en Vigo baixo o título Oportunidades de negocio fóra da Terra.

O congreso New Space España 2018 está organizado por Alén Space, unha spin off da Universidade de Vigo; pola institución académica viguesa xunto coa Cinae. Este evento reuniu na sede de Afundación da cidade olívica a representantes universitarios, centros de investigación e empresas de toda España para analizar o presente e o futuro do New Space, informa Efe.

O responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, abriu a quenda de intervencións na xornada cunha exposición na que rememorou a traxectoria da institución académica no ámbito aeroespacial, iniciada hai xa once anos. "

Previsión. En 2019 teremos sete satélites postos en órbita", confirmou Aguado, que enumerou todos os proxectos desenvolvidos en solitario e tamén en colaboración con Cinae e Alén Space. Todo comezou co Xatcobeo, o primeiro cubesat español, ao que seguiron Humsat-D e Serpens e a colaboración no proxecto DustCube para o estudo do resultado do impacto sobre un asteroide co obxectivo de desviar a súa traxectoria dentro do programa AIM, Asteroid Impact Mission da NASA e a ESA .

O vindeiro 25 de decembro terá lugar o lanzamento desde Rusia de LUME-1 e xa en 2019 poranse o órbita dous satélites máis para o proxecto de constelación de satélites da empresa Aistech centrados nas comunicacións experimentais, "unha traxectoria bastante importante para nosa curta historia", asegurou Aguado en relación co impacto da Universidade de Vigo no sector do New Space.

O docente e investigador da Universidade de Vigo debullou o papel que tanto a institución académica, como a spin-off Alén Space e o Cinae desenvolven dentro dunha "cadea de valor" que integra ás institucións académicas, OPI,s e entidades e que é quen de promover iniciativas nacionais a nivel mundial.

"A cadea de valor ten que ir desde os demostradores tecnolóxicos máis pequenos ás plataformas máis grandes, de xeito complementario e coordinado", asegurou Aguado, que considera o New Space un complemento ao sector aeroespacial tradicional "e un elemento fundamental para concluír a cadea de valor que temos en España", asegurou. Pola súa banda o cofundador de Alén Space, Aarón Nercellas, asegurou que o New Space "está para quedar e Vigo ten moito que dicir neste campo".

Para finalizar, Nercellas insistiu en que aínda queda moito que descubrir no Universo e que o futuro da humanidade está no espazo, "será o noso próximo ecosistema".

Na apertura do evento, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, referiuse ao aeroespacial como un dos dous escenarios inabordables, xunto ao do estudo das profundidades mariñas, "nos que a institución académica viguesa conta con investigadores de gran renome, que fan un gran traballo".

"Estamos a facelo ben" Cunha mensaxe gravada do ministro de Ciencia, Innovación y Universidades, Pedro Duque, comezou New Space España, o evento que reuniú en Vigo a preto de 200 persoas, tanto empresas, como grandes axencias e corporacións aeroespaciais.

Duque incidiu nas grandes oportunidades de negocio que ofrece o sector e demandou un maior desenvolvemento desta industria nun país no que "estamos a facelo ben. Nos últimos 20 anos en España as empresas incrementaron a súa capacidade tecnolóxicas e duplicaron na última década a súa facturación global", sinalou o ministro.