El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Avanza datos da situación actual do sector teatral o Observatorio do CCG

Un informe desta institución da a coñecer os públicos, xestores e creadores que inteveñen nos diferentes xéneros escénicos

Vida de cans’, obra da compañía Talía Teatro. - FOTO: ECG
Vida de cans’, obra da compañía Talía Teatro. - FOTO: ECG

FLORA TOUZÓN   | 27.03.2020 
A- A+

Informe sobre o teatro galego: creadores, xestores e públicos é o nome dun estudo no que o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, está a traballar para coñecer a realidade do teatro galego. No marco desta investigación realizáronse tres enquisas distintas destinadas a coñecer os públicos, os xestores e os creadores de teatro.

As mulleres ocupan un papel relevante no teatro galego dun lado e outro das táboas. Por unha banda porque o perfil do xestor teatral galego é dunha muller, cunha media de 49 anos, sen dedicación exclusiva, sen formación específica nin experiencia previa en xestión cultural. Segundo os datos do Observatorio, nove de cada dez espazos que dependen destes programadores son públicos.

Trátase de teatros pequenos, de pouca capacidade e con orzamentos escasos. De feito, a maioría non obtén ingresos por venda de entradas e esta situación dáse, sobre todo, no rural. Por outra banda, está o público.

 O perfil era xa coñecido de análises anteriores e este estudo confirma que se mantén a realidade: as mulleres son as que máis asisten ás representacións. Teñen entre 30 e 49 anos, estudos universitarios e ingresos relativamente altos. Viven soas e fundamentalmente en cidades. As persoas que acoden ao teatro van con bastante frecuencia, case sete veces ao ano. Polo medio, no eido da creación, o perfil é máis equilibrado. Predominan os homes, de 46 anos de media e cun elevado nivel de formación, tanto xeral como específico, cun salario que rolda os 900 euros. Relacionado con esta cifra, o informe pon en evidencia o escaso orzamento das compañías .

O avance preliminar evidencia deficiencias estruturais, escaseza técnica, tempos curtos entre preparación e estrea (as compañías dispoñen soamente de tres meses de preparación) e a inexistencia de sistemas de medición da satisfacción do público. Este estudo destaca tamén o papel de Internet para a difusión da programación e para a venda de entradas. Ademais, constata que o 76% das funcións programadas foron en galego, con maior presenza desta lingua no rural que nas cidades. Esta lingua tamén é a preferida polo público.

Por último, os tres colectivos estudados coinciden en sinalar que os xéneros escénicos máis demandados son, en primeiro lugar, o teatro infantil, seguido do de adultos, moi por diante de musicais, circo, variedades ou danza. Estes tamén son os xéneros máis representados, pero con orde inversa.

NOVAS

Trinta e cinco entradas. Entre as novidades preparadas para esta efeméride está tamén a incorporación de 35 novas entradas do ‘Dicionario enciclopédico de termos escénicos’. Nas novas entradas destaca teatro político, psicodrama, escenificación, teatro isabelino ou posta en escena.