Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Avoga o presidente da RAGC por un gran pacto pola ciencia

Insta, na entrega das medallas e premios de investigación da academia, a que todos os axentes implicados favorezan o impulso da tecnoloxía en Galicia

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, avoga por un gran pacto entre axentes políticos, sociais, económicos e académicos para garantir as condicións que lle permitan á ciencia e á tecnoloxía galegas avanzar de xeito competitivo.

No acto do Día da Ciencia en Galicia, recoñeceu o esforzo da administración por promover a estruturación do sistema científico galego, pero precisou que "compre dotarnos con urxencia de programas que permitan a atracción de talento, galego ou non, e que contribúan á dinamización e ao reforzamento dos grupos de investigación".

Insistiu en que é fundamental o traballo conxunto entre a universidade e a administración, nun marco que permitira a incorporación estable de investigadores de nivel internacional.

Á cerimonia no Colexio de Fonseca asistiron, entre outros, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Planificación Académica e Profesorado da de Vigo, Manuel Ramos; o delegado en Galicia do CSIC, Antonio de Ron, e o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio.

Na súa intervención, Pomar subliñou a importancia de promover as vocacións científicas desde idades temperás a través da escola e xa, nun chanzo superior, apostou por un sistema de investigación universitaria de excelencia.

No acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a cinco científicos en cada unha das cinco seccións, aos que Lema felicitou pola súa excepcional carreira, ao tempo que lles deu as grazas "por ser motor e exemplo" para os novos investigadores.

Recibiron a distinción Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Uvigo (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Carlos Diéguez González, catedrático de Fisioloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Alfredo Bermúdez de Castro, catedrático de Matemática Aplicada da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); María Teresa Moreira, catedrática de Enxeñería Química da USC (Medalla Isidro Parga Pondal), e José Luis Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC (Medalla Antonio Casares Rodríguez).

Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, onde "particularmente este ano a competencia foi moi forte, debido á calidade e cantidade dos traballos", precisou o presidente.

Unha distinción recollida polo equipo liderado por Santiago Pereira e Ana María Ramos, do Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC.

O biólogo Juan Cuñarro, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, recolleu o premio para investigadores mozos.

En ambas as dúas categorías foron entregadas mencións honoríficas. Na categoría sénior, a María Celeiro, en equipo con María Llompart, do Instituto Cretus da USC. Na de mozos, a Xabier García, de Matemáticas do Campus de Ourense da Uvigo.

Ríos destaca o altísimo nivel de Tomás Batuecas

O presidente honorario da RAGC, Miguel Ángel Ríos, foi o encargado de glosar a figura do químico Tomás Batuecas Marugán, distinguido este ano como figura homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia, coincidindo co 150 aniversario da creación da táboa periódica.

Ríos, alumno de Batuecas na Facultade de Química da USC na promoción 1959-1964, lembrou o "altísimo prestixio internacional" de quen foi un auténtico referente mundial na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos.

Na homenaxe, á que acudiron cinco dos netos de Batuecas chegados de diferentes puntos de España, destacou entre os seus méritos ter logrado a excelencia investigadora a pesar das circunstancias adversas que o rodearon e, sobre todo, ser recoñecido unanimemente como o mellor no seu campo pola comunidade científica internacional. "Ao longo da súa traxectoria publicou 139 traballos, moitos para a súa época. Deles, o 35 % foron en revistas de primeiro nivel, como Nature", precisou.

Batuecas foi incorporado á exposición Científicos galegos, na que figuran todos os investigadores homenaxeados ata a data no Día da Ciencia en Galicia e que percorrerá institutos e colexios de toda Galicia.

A mostra compartiu onte o claustro de Fonseca coa titulada Química para un mundo mellor, patrocinada pola Axencia Galega de Innovación, a USC e unha vintena de empresas galegas do sector.

08 oct 2019 / 21:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito