Viernes 18.10.2019 Actualizado 14:25
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Axeitos insiste no mal funcionamento da RAG nun artigo en 'Sermos'

Di que está orientada por un dicionario de efemérides e centrada na superficialidade

ECG   | 24.01.2019 
A- A+

Santiago. Nunha primeira entrega titulada A política cultural da Real Academia Galega e a vocación 'trilera' do seu presidente (I), e con ese número un advertindo de que haberá novos capítulos por parte do membro numerario da Real Academia Galega (RAG) Xosé Luís Axeitos contra o actual funcionamento da institución académica, o escritor profunda nun amplo artigo en Sermos nalgúns dos aspectos que considera reprochables e que xa fixera chegar a este xornal.

Arranca as súas reflexións dicindo ter a impresión de que a actual RAG "está máis pendente do aspecto, da superficialidade, que de diagnosticar con rigor as auténticas causas de postración na que se atopa", e afirma que "foron moitas as voces que nos últimos tempos, con auctoritas da bondo, se pronunciaron sobre a Real Academia Galega como institución en estado de hibernación e necesitada de ser revitalizada e reorientada", se ben non pon nome a ningunha destas voces. Si lembra, con todo, unhas frases de Manolo Rivas nas que o escritor falaba de que "o poder conservador, esta confraría sen fe, só é eficaz, como no mal fútbol, á hora de lesionar o adversario", engadindo que "velaí o que pasou na RAG. Xusto cando a Academia Galega estaba a ser oída, cando trascendera os lindes do academicismo e acadaba unha repercusión cívica no eido da lingua e a cultura, xusto nese intre, fíxose estoupar", e que remataba asegurando que "puxérase en marcha o único departamento que funciona con eficacia no poder conservador: a fábrica de fel e vinagre".

Un departamento ao que Axeitos ve responsable da "desnortada política cultural da RAG", que considera orientada por "un dicionario de efemérides" que nada ten que ver coa memoria histórica. Unha política cultural sobre a que asegura ten poucas ocasións de discrepar porque "cada vez son menos frecuentes os plenarios", e alude a aqueles que apoian ó presidente en silencio, "mesmo algúns que reivindicaban no pasado inmediato participación nas decisións alegando os estatutos, permanecen agora mudos e con actitude reverencial".

Por último, e sobre a Gramática galega, Xosé Luís Axeitos lembra que a RAG ten firmado desde 2010 un convenio coa USC para a súa redacción, traballo para o que desembolsou ata un total de 150.000 euros, e quéixase de que "malia ter vencido todas as datas de entrega sinaladas no devandito convenio, a obra segue sen aparecer e coa ameaza de facelo cada mes de setembro". E afirma que "a Gramática da RAG vai ser un libro singular e único, un libro surrealista".

Considera que "a RAG debe falar para toda Galicia", e promete seguir profundando en "futuras entregas sobre a necesidade dunha reorientación baseada no debate, na necesaria participación de todos".