Viernes 18.10.2019 Actualizado 18:01
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Axeitos ve ilegal citar a unha sección da RAG na sede do ILG

A institución académica lémbralle que é algo moi habitual e que obedece a razóns operativas

Xosé Luís Axeitos
Xosé Luís Axeitos

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 23.01.2019 
A- A+

Dentro dunha práctica habitual, que leva realizándose desde hai moito tempo e que ademais obedece a razóns operativas -debido a que gran parte dos membros da Sección de Lingua da Real Academia Galega (RAG) viven en Santiago-, así enmarcaba o secretario da institución académica, Xosé Henrique Monteagudo, a reunión de traballo mantida onte pola tarde polos seus membros na sede compostelá do Instituto da Lingua Galega (ILG).

Un encontro que, en cambio, para o académico Xosé Luís Axeitos é algo irregular e "ilegal", xa que desde o seu punto de vista "pasa por alto o regulamento da institución", e lembra que no seu artigo 5c do capítulo II di textualmente "as seccións ou seminarios reuniranse coa periodicidade necesaria para realizaren eficazmente os traballos encomendados. Poderán reunirse na sede da Academia ou nas delegacións territoriais que a Academia poida establecer".

E é aí onde xorde a diferenza de criterios entre a institución e o académico, posto que este interpreta que os encontros poderán ter lugar noutras sedes da RAG que non sexan a coruñesa da rúa Tabernas, pero non na sede do ILG.

Neste sentido, e preguntada a academia respecto dixo por este xornal, o seu secretario explicou que a RAG non ten outras sedes na capital galega.

Aclarou que ten firmado un convenio coa Xunta de Galicia polo que o Seminario de Lexicografía traballa no Gaiás, outro co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades para os membros do Seminario de Terminoloxía Galega, e un terceiro coa Universidade de Santiago de Compostela sobre o seminario de Gramática que ten a súa sede no ILG.

Por iso, e tras asegurar que as diferentes actividades da RAG fanse na súa sede coruñesa pero tamén noutros moitos lugares, insistiu en que "é algo que leva facéndose desde hai moito tempo, e moitas das reunións da Sección de Lingua fanse en Santiago porque a maioría dos membros deste seminario viven en Santiago e así afórrase un diñeiro á academia".

Unha xustificación a económica que para Axeitos obedece ao "control que o ILG quería exercer sobre as cuestións normativas, competencia exclusiva da RAG", acusación ante a que o secretario da institución lembrou que a colaboración entre o ILG e a RAG e constante e desde os oitenta do pasado século.

GRAMÁTICA GALEGA. Por outra parte, e nunha comunicación con este xornal, Xosé Luís Axeitos considerou tamén que non se está a cumplir o convenio entre a RAG e o ILG polo que o instituto comprometíase a entregar a Gramática galega, algo que aínda non se fixo, pero que podería ver a luz este mesmo ano.

De feito, Monteagudo anunciou que existe o compromiso firme de que o orixinal entregarase este ano, de forma que en 2020 poida publicarse, xa que ten un traballo de edición moi grande e, aínda que recoñeceu que os prazos foron postergándose, dixo que foi falado por ambas partes.