El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Baltar traballa para que o termalismo ourensán dea "un salto de calidade e de recoñecemento"

Presidiu unha reunión coa directiva da Ehtta, na que falaron sobre as futuras liñas de traballo nas cidades termais históricas

Baltar, no centro da foto, acompañado polos membros da directiva da Ehtta.  - FOTO: ECG
Baltar, no centro da foto, acompañado polos membros da directiva da Ehtta. - FOTO: ECG

ALEXANDRE EIROA   | 19.07.2019 
A- A+

A directiva da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (Ehtta) reuniuse onte na Deputación de Ourense, onde Manuel Baltar, presidente electo desta rede termal europea, desenvolveu unha xornada de traballo xunto co presidente saínte da asociación, Giuseppe Bellandi.

A xuntanza tamén contou coa asistencia dos vicepresidentes Lorenzo Luccini, Hugo Oliveira e Éric Brut, e o presidente e o vicepresidente do comité científico, Paul Simons e Mario Crecente, respectivamente.

Puxeron o foco nos temas que se analizarán na asemblea xeral que terá lugar en outubro en Spa (Bélxica), na que os novos membros da asociación tomarán posesión dos cargos.

Ademais, Baltar indicou que "fixamos obxectivos e temas organizativos para que a asociación, que ten tras de si dez anos de traballo exitoso, inicie esta nova etapa que se caracterizará por potenciar as cidades e territorios termais, da man da súa riqueza patrimonial, natural e turística".

Aproveitou a ocasión para felicitar a Bellandi polo labor realizado ao fronte da asociación, que agrupa "a 51 sitios termais de 17 nacións europeas".

En canto á nova etapa, explicaron que a agrupación será "unha aliada para colaborar coas máis altas institucións comunitarias, que veñen de tomar posesión no escenario europeo, onde Ourense ten moito que dicir debido á nosa condición termal ao ser o territorio europeo con maior potencial. Da man dos socios da Ehtta, poremos o maior énfase e a maior capacidade loxística e económica para dar un salto de calidade e de recoñecemento".

Baltar, que defende que o seu potencial turístico e os seus valores sociais, culturais, medioambientais e de saúde "o fan perfecto para que protagonice a revolución turística do século XXI en Europa", engadiu que será imprescindible "a mellora das comunicacións" (Alta Velocidade), xa que situarán á cidade como un "aeroporto terrestre" a pouco máis de dúas horas de Madrid.

Por outra banda, Crecente fixo fincapé na necesidade de que "o sistema público de saúde recoñeza os tratamentos con augas termais, e que a UE siga impulsando a recuperación do patrimonio histórico".

Premios Insua dos poetas 2019

•••O Padroado da Fundación Insua dos Poetas reuniuse para abordar o fallo dos premios deste ano.

 

•••Na xuntanza estiveron presentes o presidente e o secretario,

Luis González Tosar e Xabier Castro Martínez, respectivamente, Patricia Torres, deputada provincial de Cultura de Ourense, e outras personalidades destacadas do sector das artes galegas.

 

•••Os galardoados son María Solar (na categoría de Creación Literaria), María Victoria Carballo-Calero (Artes Plásticas), o Centro Galicia de Bos Aires (Lingua e Cultura Galega na diáspora), a Asociación de Veciños da Parroquia de Madarnás no Carballiño (Acción Social), Manuel Bernárdez Otero (Iniciativa Empresarial), a Asociación Fotográfica O potiños (Imaxe e Audiovisual) e a Cadena SER do Carballiño (Medios de Comunicación).

 

•••Os premios entregaranse mañá na celebración da XI Festa da Palabra.