El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O Big Data e as tecnoloxías para desenvolver novos fármacos, premios da RAGC

IRENE JIMÉNEZ SANTIAGO   | 08.11.2018 
A- A+

A tecnoloxía que permite tomar decisións de xeito eficiente a partir de enormes volumes de información e a innovación en dispositivos ao servizo do desenvolvemento de novos fármacos son os protagonistas dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa cuarta edición.

O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar en Santiago.

Pemes. Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Insitu Enxeñería. Esta spin-off luguesa, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Universidade de Vigo en 2008, desenvolveu un sistema para a xestión das infraestruturas do transporte a partir de información xeorreferenciada de alta densidade e en formato tridimensional.

A ferramenta resultante permítelle a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc.

Na actualidade, o software está sendo utilizado por administracións públicas e grandes empresas españolas e fixo posible a saída de Insitu ao mercado exterior. A comercialización da tecnoloxía galardoada permitiulle á empresa quintuplicar a súa facturación e pasar de 20 a 30 traballadores no prazo de dous anos.

Grupo. O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos membros do equipo, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago.

O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun microsensor de temperatura ultrasensible que optimiza a identificación e caracterización dos intercambios de calor propios dos procesos químicos e biolóxicos. O seu novo sensor, bautizado como ANTS, ten como principais aplicacións o desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos, xa que permite obter información moi precisa sobre procesos de interese biolóxico.

Mención especial do xurado. O xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía decidiu outorgar unha mención especial na categoría de investigación aplicada ao proxecto de ecoetiqueta "pescaenverde". O equipo foi distinguido polo desenvolvemento dunha ecoetiqueta que lle achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros que adquire teñen sobre o medioambiente.

O mellor traballo dun grupo investigador é o feito polo CiQUS

O mellor traballo dun grupo investigador é o feito polo CiQUS

VANTAXES As principais vantaxes que o microsensor de temperatura ultrasensible presenta son un tempo de resposta menor a un segundo e o seu reducido tamaño (en micras), o que permite realizar múltiples probas de modo simultáneo. Ademais, a adopción da nova tecnoloxía por parte dos usuarios é sinxela.

Proceso de enormes volumes de datos de carácter xeoespacial

Proceso de enormes volumes de datos de carácter xeoespacial

SISTEMA DE INSITU Este sistema foi obxecto da tese doutoral de María Varela. O software opera no ámbito do Big Data e é capaz de procesar enormes volumes de datos de carácter xeoespacial capturados sobre grandes infraestruturas de transporte a partir se sensores móbiles.

Un software calcula a pegada de carbono das pesqueirías

Un software calcula a pegada de carbono das pesqueirías

PUEBLO A marca de garantía pescaenverde ten asociado un software que calcula a pegada de carbono de todas as actividades asociadas á captura e transporte do peixe, de maneira que as empresas do sector poden transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos.