El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{firma invitada}

Bolaño, un territorio sen fronteiras

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS   | 20.01.2011 
A- A+

Finou no ano 2003 e antes da súa morte xa se falaba do "territorio Roberto Bolaño", o escritor latinoamericano de maior proxección da súa xeración. Pero todo nos fai pensar que ese "territorio Bolaño" non ten lindes. Aos poucos meses do pasamento desta figura xa convertida en canónica -ironías do destino: el sempre rexeitou os afagos- a súa editora de sempre, Anagrama puña na rúa a súa primeira novela póstuma, El gaucho insufrible. E pouco tempo despois, unha novela inacabada pero maxistral, 2666. Logo virían outros tres libros e agora, co copyright de xaneiro de 2011, Los sinsabores del verdadero policía. Semella pois que é infindo o territorio deste "home obra" que loitou contra o reloxo, consciente de que se esgotaba o seu tempo e de que o seu corpo non sería capaz de acompañalo ata onde quería chegar a súa mente creativa.

Segue pois gañando batallas despois de morto este escritor, "un desesperado escribindo para desesperados", porque Bolaño semella un deus creador e na súa mente cristaliza o que xa dixo Borges: os demiúrgos e os deuses optarán polo infinito, infinitas historias infinitamente ramificadas. Unha desas ramas ou rizomas nas que o un devén dous ( Deleuze-Guattari ), é Los sinsabores del verdadero policía. Escrita nos anos oitenta, o seu centro oculto é sen dúbida a meganovela 2666. O mesmo pano de fondo, Santa Teresa, no deserto de Sonora, claro trasunto literario de Ciudad Juárez, sede maldita de miles de asasinatos cometidos nos últimos anos. E varios personaxes, nomeadamente Amalfitano, aquel académico chileno que dá co Testamento geométrico do noso Rafael Dieste, que acabará pendurado nun tendal coma un "ready made". Tamén a súa filla Rosa e Arcimboldi, mago escritor francés, autor de libros inventados. Outros personaxes secundarios e o protagonista principal, todos eles percorrendo as xeografías das que se apropia a narrativa dos nosos días: os eidos da violencia, dos desencontros, da estrañeza, da extravagancia e da sublime degradación como sinala o prologuista. Na novela, un rodopío de historias ancoradas na ambigüidade, por veces hilarante. Humor no medio da abraiante desolación e na violencia, enfermidade física e moral do noso tempo. É esta unha novela inacabada mais non incompleta porque está desenvolvida seguindo o ronsel do que é hoxe a literatura máis vangardista: "escrita visionaria, onírica, delirante, fragmentaria e ata provisional". Todo iso demanda un bo lector, ese policía do que fala Bolaño que ten que ordenar esta novela endiañada.









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...