El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O CCG recrea en 'Alba de Gloria' o último gran discurso de Castelao

A mostra, aberta ao público ata o 3 de febreiro en San Domingos de Bonaval, permite escoitar e ver a súa alocución cun formato innovador e vangardista

Galeguismo na vangarda. Rosario Álvarez e Manuel Gago, onte, con gafas de realidade virtual na mostra - FOTO: Antonio Hernández
Ver galería
Galeguismo na vangarda. Rosario Álvarez e Manuel Gago, onte, con gafas de realidade virtual na mostra - FOTO: Antonio Hernández

MARIO ÁLVAREZ   | 08.11.2018 
A- A+

Escoitar e ver o último discurso de Castelao da súa man, cun formato innovador e vangardista. Así é Alba de Gloria. Unha experiencia, a mostra que inaugurou onte en San Domingos de Bonaval a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, canda o presidente de honra da institución e titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e mais unha nutrida representación de autoridades e personalidades, entre elas o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

"Esta non é unha exposición máis, como tampouco é un discurso máis", explicou Rosario Álvarez, e reivindicou a "necesidade dun Panteón de Galicia que reúna as grandes figuras da nosa cultura", e sobre o que dixo que o CCG "ten traballado previamente e que consideramos necesario", en relación á proposta de Lei do Panteón de Galicia elaborada no 2011.

ECG
Feijóo con Rosario Álvarez e Román Rodríguez
FOTO: ECG

Alberto Núñez Feijóo definiu a mostra como o recoñecemento e agradecemento popular "a quen tan ben soubo interpretar o que somos", e aseverou que o autor de Sempre en Galiza lembra que a milagre da existencia secular do noso país reside na unidade e na combinación de figuras heroicas que rexistra a historia e un heroísmo sen nome que reside no pobo. "Velaí unha lección que debéramos aproveitar setenta anos despois da efeméride que celebramos", asegurou, subliñando que cando aumentan os ventos da fragmentación social, chega, grazas á iniciativa do CCG, o que é un monumento de palabras en honor da unidade esencial do país.

Miguel Ángel Santalices destacou que "a autonomía política que Galicia exerce hoxe é tributaria do traballo previo que no pasado desenvolveron persoeiros como Castelao".

Manuel Gago, o comisario da exposición, incidiu na rolda de prensa anterior á inauguración en que busca "trasladar a emoción da colectividade que asistiu a aquel discurso no 1948 e que está presente en todas as crónicas daquel acto".

O discurso que Castelao constrúe e que foi coñecido como Alba de Gloria é unha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Na mostra, aberta ata o 3 de febreiro, inclúense 65 figuras e persoeiros que se enumeran conformando un dos grandes mitos populares como é o da Santa Compaña.

Alberto Núñez Feijóo Presidente da Xunta

"Esta exposición é o recoñecemento e agradecemento popular a Castelao, quen tan ben soubo interpretar o que somos"

M.A. Santalices Presidente da cámara galega

"A autonomía política que Galicia exerce hoxe é tributaria do traballo previo de persoeiros como Castelao e Bóveda"

Rosario Álvarez Pta. consello da cultura galega

"É necesario un Panteón de Galicia que reúna as grandes figuras da nosa cultura, e sobre o que o CCG ten traballado"

Manuel Gago Comisario da exposición

"Busca trasladar a emoción da colectividade que asistiu a aquel discurso no 1948, presente en todas as crónicas do acto"