El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

galardón bianual

O Centro Pen outórgalles os premios 'Rosalía de Castro' a Claudia Piñeiro, Pepetela, Antoni Serra e Kirmen Uribe

Desde arriba á esquerda: Claudia Piñeiro, Pepetela, Antoni Serra e Kirmen Uribe --
Desde arriba á esquerda: Claudia Piñeiro, Pepetela, Antoni Serra e Kirmen Uribe --

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 24.02.2014 
A- A+

O xurado cualificador dos Premios “Rosalía de Castro”, de carácter bianual, instituídos en 1996 para honrar á nosa escritora máis universal e destinados a galardoar, desde a literatura galega, aos sistemas literarios da nosa veciñanza (autoras e autores relevantes en castelán, portugués, catalán e basco), decidiu por unanimidade, concedérllelos a: Claudia Piñeiro (escritora arxentina de estirpe galega nada en Burzaco, Buenos Aires en 1960);  Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos, Pepetela (escritor angolano nado en Benguela, Angola, en 1941); Antoni Serra (escritor e xornalista nado en Soller, Mallorca en 1936), e Kirmen Uribe (escritor basco nado en Ondárroa en 1970).

O xurado, integrado por  Luís González Tosar, presidente; Miro Villar, secretario, e os vogais Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xosé Lois García,  Xabier Castro Martínez, fixo constar a súa satisfacción pola autora e autores distinguidos nesta edición que, unidos aos 36 premiados con anterioridade, constitúen os mellores embaixadores da literatura galega en Iberoamérica, na lusofonía, en Catalunya e Euskadi. Asimesmo, neste 2014 esta actividade enmárcase nas celebracións dos 25 anos do Centro PEN Galicia, fundado en maio de 1989.

BREVE HISTORIA DOS PREMIOS “ROSALÍA DE CASTRO”

No ano 1996, o Centro PEN Galicia, presidido daquela polo escritor Carlos Casares, instituiu os Premios “Rosalía de Castro”, destinados a galardoar a traxectoria literaria de catro autores ou autoras relevantes en lingua portuguesa, castelá, catalana e basca. A finalidade destes premios foi distinguir desde a literatura galega, aos outros sistemas literarios da Península Ibérica (para as linguas castelá e portuguesa, extensivos a Iberoamérica e África). De carácter bianual, estes premios levan o nome de Rosalía de Castro, a escritora galega máis emblemática.

1ª edición (1996)
Jose Saramago (portugués), Gonzalo Torrente Ballester (castelán), Joan Perucho (catalán) e Bernardo Atxaga (basco).

2ª edición (1998)
António Lobo Antunes (portugués), Manuel Vázquez Montalbán (castelán), Miquel de Palol (catalán) e Juan Mari Lekuona (basco).

3ª edición (2000)
Sophia de Mello (portugués), José Ángel Valente (castelán), Pere Gimferrer (catalán) e Anjel Lertxundi (basco).

4ª edición (2002)
Nelida Piñón (portugués), Ernesto Sabato (castelán), Ricard Salvat (catalán) e Felipe Juaristi (basco).