El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Coca-Cola pon o galego na súa imaxe corporativa

O conselleiro de Cultura e Educación e o director da Área Norte presentaron no Gaiás os novos 30 coches rotulados en galego // Carlos Aguirregomezcorta sinalou que a empresa 'quere dar un paso máis na súa contribución á comunidade galega'

REDACCIÓN SANTIAGO  | 04.05.2016 
A- A+

Coca-Coca Iberian Partners vén de incorporar o galego á súa frota de coches comerciais, por medio da rotulación na lingua propia de Galicia de 30 dos seus vehículos, o que supón o 75 % dos que circulan polas cidades e vilas da nosa comunidade un total de 255 días ao ano para servir máis de tres millóns de caixas de produto e atender unha clientela que suma 13 000 establecementos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou que o feito de que unha empresa coma Coca-Cola apoie o idioma propio da nosa comunidade desde o ámbito económico “indica, sen dúbida, que a lingua vai avanzando a bo ritmo na consecución de novas funcións sociais e de máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos e en marcas que, coma esta, xogan na liga máis alta dos mercados internacionais”.  “Tamén indica -engadiu o conselleiro- que, en galego, existe un lugar no mundo reservado para a nosa lingua e a nosa cultura” e que “imos polo bo camiño e que seguimos a dar pasos importantes”. Román Rodríguez agradeceu así mesmo que Coca-Cola elixise a Cidade da Cultura para dar a coñecer a nova acción.

Pola súa banda, o director da Área Norte Coca-Cola Iberian Partner sinalou que “para Coca-Cola é especialmente relevante esta acción porque a frota é parte imprescindible na nosa cadea de subministro e de chegada aos clientes de Galicia e, a través deles, aos millóns de consumidores que desfrutan dos nosos produtos”. “Son, precisamente, os nosos clientes e consumidores quen nos motivan e ilusionan cada día para facer as cousas ben, con responsabilidade e respecto á nosa contorna tanto no ambiental coma no social. E, por iso, estamos hoxe aquí dando un paso máis na nosa contribución á comunidade galega”, concluíu.

Acompañaronao conselleiro de Cultura e Educación e ao director da Área Norte de Coca-Cola Iberian Partners no acto de presentación no Gaiás o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a xefa de Comunicación Noroeste de Coca-Cola Iberian Partners, María Sande; e a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz Loroño.

Compromiso social

Deste xeito, a embotelladora para España, Portugal e Andorra, Coca-Cola Iberian Partners, pon en marcha unha iniciativa de especial relevancia para a dinamización e a visibilización do idioma galego desde o ámbito económico, no marco das accións de responsabilidade e compromiso social coas que promove unha sociedade inclusiva onde o talento diverso e as oportunidades contribúan ao desenvolvemento das comunidades.

A nova frota de vehículos rotulada en galego súmase a outras accións de especial compromiso coa comunidade galega postas en marcha por Coca-Cola en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, como o 'Concurso Novos Talentos. Premio de Relato Curto', que chega este ano á súa oitava edición cunha destacada participación escolar.

Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico (2015-2020)

Román Rodríguez recordou que a Xunta de Galicia iniciou en abril do ano pasado os trámites para a posta en marcha do primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, o primeiro impulsado pola Administración autonómica para potenciar o uso do idioma na economía baixo as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004).

A finais de 2015 a Secretaría Xeral de Política Lingüística levou ao Parlamento o documento pactado, articulado en 84 medidas cuxo obxectivo común pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.