El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Comezan os Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Coorganizados pola RAG e o ILG, participan setenta estudantes de vinte nacionalidades

Alumnos participantes no roteiro musical celebrado o pasado ano nestes cursos - FOTO: ECG
Alumnos participantes no roteiro musical celebrado o pasado ano nestes cursos - FOTO: ECG

LUIS MONTERO  | 01.07.2019 
A- A+

A XXXII edición dos Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras contará con preto de setenta estudantes procedentes de máis de vinte países de catro continentes. O programa desenvolverase en Santiago do 2 ao 24 de xullo combinando, como é costume, clases teóricas e prácticas con palestras, excursións e obradoiros.

A Real Academia Galega coorganiza esta iniciativa da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, contando co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

O programa está codirixido polo secretario da institución académica, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e académico, Xosé Luís Regueira.

Representantes de todas as entidades implicadas recibirán o alumnado na inauguración dos encontros, que terá lugar mañá, ás 12.30 horas, na Facultade de Filosofía.

Os estudantes da nova edición proceden de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Venezuela e distintas comunidades de España.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, impartirá a conferencia inaugural o xoves, 4 de xullo, na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, nunha xornada na que o alumnado tamén terá a oportunidade de visitar a Torre de Hércules.

O calendario de palestras continuará a semana que vén con Antón Reixa, a música Paulina Ceremuzynska e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Os participantes poderán desfrutar en obradoiros de música e baile tradicional.