El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Compostela alberga a acción trepidante de 'Campus morte', primeira novela de Lito Vila

A obra, editada por Galaxia, foi presentada onte en Santiago nun acto moi concorrido

Lito Vila, ao fondo á esquerda, con Francisco Castro na libraría Couceiro de Santiago - FOTO: ECG
Lito Vila, ao fondo á esquerda, con Francisco Castro na libraría Couceiro de Santiago - FOTO: ECG

SANTIAGO. REDACCIÓN  | 25.03.2018 
A- A+

O representante da Editorial Galaxia que participou na presentación da novela 'Campus morte' este sábado na libraría Couceiro de Santiago, non escatimou eloxios ao autor, Lito Vila Baleato, por esta súa ópera prima. Francisco Castro, director xeral de Galaxia, dirixiuse entusiasta ás numerosas persoas que ateigaban o establecemento para mostrar a súa especial ledicia pola publicación da obra e para compartir a súa previsión de que Vila Baleato está chamado a ser moi pronto un valor importante da literatura galega. Da novela destacou a súa capacidade para atrapar ao lector e o seu transcurso trepidante que 'engancha' desde o inicio, ata tal punto que recomendou non empezar a lela pola noite porque, quen así o faga, non podería deixala e non poderá durmir. Describiu unha obra de personaxes cercanos e que percorre as paisaxes e ambientes compostelás máis engaiolantes e recoñecibles.

'Campus morte', segundo a presenta Galaxia, é unha novela veloz que non nos deixará respirar. A trama está centrada en Iago Miranda, profesor compostelán en Alemaña igual que o propio autor, Lito Vila. Iago Miranda recibe unha inquedante mensaxe dun amigo da infancia que indaga a morte dunha estudante Erasmus acontecida quince anos atrás. O protagonista volve a Santiago procurando resolver un misterio que o levará de volta á Compostela de finais dos noventa e principios do milenio, ao tempo das esmorgas no Campus, aos amores da mocidade mal solucionados e a mortes que semellan non ter relación entre si. Pola novela cunha Compostela tamén protagonista, desfilan persoas que poderían ser os nosos veciños, os nosos familiares, incluso os nosos amores. Todos cunha cara B inconfesable. Todos, chegado o caso, dispostos a matar.

No acto de presentación na libraría Couceiro, Lito Vila Baleato expresou que o seu principal obxectivo foi escribir unha novela entretida, de lectura áxil, e mostrouse agradecido á Editorial Galaxia por confiar nel e asumir un risco, que el comprende ben, de publicar o seu traballo. Profesor na cidade xermana de Paderborn e fillo de emigrantes, Lito Vila sente especialmente as súas orixes na compostelá rúa de San Pedro e está moi involucrado en todo o relacionado coa emigración da que el, xunto coa súa muller e fillos, forma parte. De feito, publica un blog en elcorreogallego.es, 'La generación de la burbuja' que, como el mesmo confesa, naciu coa sa pretensión de reivindicar o papel dunha xeración de mozos e mozas que se viu obrigada a buscar no estranxeiro unhas opcións laborais que o país que os formara era incapaz de ofrecerlles. Precisamente o espírito do blog 'La generación de la burbuja' está presente no contexto e no protagonista de 'Campus morte', que desenvolve a súa acción entre os anos de esplendor da noite universitaria compostelá na década dos noventa e a realidade actual da capital gallega.

Lito Vila, que naceu en Alemaña en 1978, país onde é profesor de ensino secundario despois de medrar e estudar en Compostela, non desaproveitou a ocasión para facer visible a capacidade e o valor de tantos e tantas que desenvolven o seu traballo na diáspora e que suspiran por facer o camiño de volta porque, como el di, o noso país necesítanos. Nun momento de grande emoción dedicoulle o libro ao seu pai, xa falecido, e aludiu aos nenos, o futuro.

ECG
Lito Vila, autor de 'Campus morte', asinando libros
FOTO: ECG