El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Compostela, a sede española do Día Internacional da Luz

Participaron 500 persoas, desde universitarios e estudantes de Secundaria ata investigadores

Carmen Pomar, no centro e con Pérez Muñuzuri á súa esquerda, onte no Hostal - FOTO: G.
Carmen Pomar, no centro e con Pérez Muñuzuri á súa esquerda, onte no Hostal - FOTO: G.

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 16.05.2019 
A- A+

O Comité Español do Día Internacional da Luz (DIL) declarado pola Unesco designou este ano Santiago como sede do acto central que, organizado para toda España por docentes da USC, tivo lugar onte no Hostal dos Reis Católicos.

Na inauguración participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar; o presidente da Sociedade Europea de Óptica (EOS) e secretario xeral da Comisión Internacional de Óptica ICO, Humberto Michinel; a decana da Facultade de Física, Elena López Lago; a vicepresidenta do Comité Español do DIL, María Luisa Calvo; a vicepresidenta da Sociedade Española de Óptica, Sagrario Millán; o presidente da Sociedade Portuguesa de Óptica e Fotónica, Manuel Filipe da Costa, e a presidenta do Comité Local Organizador do acto central do DIL 2019 e profesora da USC, Maite Flores-Arias.

Asistiron 500 persoas, dende persoal investigador de diferentes universidades españolas e portuguesas ata alumnado universitario e de educación secundaria e bacharelato pasando por estudantes dos bacharelatos de excelencia en Ciencia e Tecnoloxía do programa STEMbach da Xunta.

Logo da apertura, tiveron lugar catro charlas divulgativas impartidas por científicos de renome internacional dirixidas ao gran público, dúas delas sobre as temáticas merecedoras dos dous Nobel 2019 de Física.

O catedrático de Óptica da Universidade de Murcia Pablo Artal falou de tecnoloxías da luz para ver mellor, mentres que a profesora do Departamento de Fisioloxía da mesma institución e codirectora do laboratorio de Cronobioloxía, Mª de los Ángeles Rol, explicou a influencia da luz no noso reloxo biolóxico.