El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Comunicado enviado por el profesor Ángel Carracedo

14.04.2011 
A- A+

Hoxe ao ler O Correo ao almorzo case me da o infarto ao verme en portada cun titular
dicindo que os galegos somos os celtas mais antigos de Europa. Eu que nin tan sequera teño ben claro quen eran os celtas.

O mais abraiante foi que eu non falei con ninguén, nin ninguén me entrevistou e aparecen declaracións miñas que ademais de disparatadas, algunhas delas, eu nunca dixen.

A razón de todo isto é que mañá teño que inaugurar un congreso en Narón onde me atrevín a ir para falar dos movementos de poboación en Europa a luz da xenética, precisamente para o contrario do que se desprenda nas supostas miñas declaracións, e dicir para desmitificar o que a  xenética pode aportar na controversia do celtismo en Galicia.

A xenética de poboacións fala de movementos de individuos non de culturas e pobos. Pode ser unha ferramenta auxiliar de utilidade para historia sempre que sexa ben utilizado, que xa empezo ter as miñas dúbidas de que o vaia a ser.

Pero os pobos e as culturas son outra cousa nas que na xenética non pode entrar. Eu pouco sei de xenética pero nada dos celtas e simplemente polo que leo e aprendo do que outros falan paréceme claro que si existiron unhas linguas celtas, algunhas das cales falábanse polo menos en áreas da nosa terra a chegada dos románs, pero a partir de aquí  eu aínda estou no grupo dos escépticos, sempre aberto a ser convencido do contrario por suposto, pero dáme a impresión de que si do que se trata é de definir aos celtas como pobo, vai ser unha polémica inútil porque o que define a  un pobo e o sentimento de pobo dos seus integrantes, e non podemos voltar ao pasado para preguntarlles si é que se sentían celtas ou non os que de aquela vivían aquí.

A xenética aínda con moitas limitacións cando as poboacións son moi próximas pode falar de migracións, particularmente mediante o uso de marcadores do cromosoma Y e do ADN mitocondrial que falan das liñas paterna e materna pero non pode dicir cal era a cultura ou a fala das persoas que levaban eses liñaxes.

Mentres preparo con poucas forzas xa a conferencia de mañá dúas reflexións, a primeira que non vale todo para promocionar un congreso, e a segunda que a información ten que ser un pouco mais serio, como mínimo contrastar as noticias e nunca poñer en boca de outros cousas que nin dixeron nin pensan.