El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Conmemora a USC o Día das Letras cun acto literario dedicado a Fraguas

Ata o próximo 3 de xuño a Facultade de Xeografía e Historia acollerá unha mostra sobre o protagonista deste ano organizada pola biblioteca do centro

O reitor da USC, xunto aos participantes no acto conmemorativo do Día das Letras - FOTO: USC
O reitor da USC, xunto aos participantes no acto conmemorativo do Día das Letras - FOTO: USC

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 16.05.2019 
A- A+

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, presidiu onte o acto académico organizado pola USC con motivo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas.

A xornada celebrouse no colexio de Fonseca coa participación do director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo, que precedeu na quenda de intervencións á profesora María Xesús Nogueira Pereira, como coautora, para presentar o volume conmemorativo da efeméride Antonio Fraguas: a cultura como forma de vida e á conferencia da profesora María Nieves Herrero Pérez, tamén coautora.

O grupo Tralo-Valo, conformado por Ariel Ninas (zanfona), Carme da Pontragha (voz) e Antón Santamarina (zanfona) interpretaron unha escolla de pezas do Cancioneiro de Cotobade compilado por Antonio Fraguas.

A personaxe destacada nesta edición das Letras Galegas foi alumno e profesor da institución académica compostelá, xa que cursou estudos en Filosofía e Letras, realizando a súa tese de doutoramento na Universidade Central de Madrid cun traballo dedicado ao colexio de Fonseca. Como docente, foino da Facultade de Filosofía e Letras da USC, encargándose das materias de Historia Universal, Historia de España e Xeografía.

Como se pon de manifesto no volume editado pola universidade compostelá con motivo do Día das Letras Galegas 2019, nesta edición a efeméride apela "á memoria dun intelectual, investigador e docente vocacional e xeneroso que, malia puntuais incursións nos estudos literarios e mesmo na creación, consagrou a súa vida a disciplinas das ciencias sociais e humanas como a historia, a xeografía, a arqueoloxía e, de maneira destacada, a especialidades situadas no eido da antropoloxía sociocultural, como a etnografía e o folclore".

O libro homenaxe inclúe unha serie de traballos sobre tradición etnográfica, oralidade e literatura popular -campos vizosos da cultura galega- que se funden coa "experiencia vital para ofrecer unha visión completa e novidosa respecto da figura de Fraguas e a súa inxente herdanza". O seu fío condutor está organizado en dous bloques temáticos, comezando por un conxunto de traballos que ofrecen achegas a momentos e facetas da vida do homenaxeado, "determinantes á vez da súa obra, na que deixan pegadas tan importantes que esta non pode ser cabalmente comprendida sen as referencias biográficas. No segundo bloque hai achegas á súa obra antropolóxica dende a perspectiva combinada propia de especialistas en lingua e literatura e en antropoloxía sociocultural.

Ata o 3 de xuño a Facultade de Xeografía e Historia acolle a exposición Antón Fraguas: por e para Galicia, organizada pola biblioteca deste centro.

Emprazada no segundo andar, focalízase na relación de Fraguas coa Facultade de Filosofía e Letras, con particular atención ao seu paso como alumno e bibliotecario; o seu traballo como profesor auxiliar e a defensa da súa tese, precisamente dedicada aos colexiais de Fonseca.

Tamén é posible consultar o material a través da web da biblioteca.