El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Conmemoración do centenario da Coral Ruada en Ourense

Concertos, exposicións e conferencias, entre as actividades que se desenvolverán ata xuño

Baltar, no centro da mesa, durante a presentación dos actos de homenaxe a Ruada. - FOTO: DdeO
Baltar, no centro da mesa, durante a presentación dos actos de homenaxe a Ruada. - FOTO: DdeO

IRENE JIMÉNEZ OURENSE   | 11.12.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente e vicepresidente da Coral de Ruada, Samuel Lago e Emilio Rodríguez, respectivamente, presentaron onte o programa de actividades que se desenvolverá ata xuño de 2019 para conmemorar o centenario desta senlleira agrupación musical.

As actividades, que contan co apoio da Deputación de Ourense, abranguen concertos, exposición, conferencias, descubrimento de placas conmemorativas, audicións e proxeccións de filmes, poñendo en valor a traxectoria cultural e musical da Coral de Ruada ao longo dun século. No acto de onte, ademais, presentouse o estandarte do centenario da coral, que recolle o escudo da institución e a data do seu centenario: 1918-2018.


identidade. Baltar destacou á Coral de Ruada como "gran embaixadora cultural e musical de Ourense, que mantén a vixencia do seu espírito fundacional: a defensa da nosa identidade", expresou, afirmando que "todo o que se poida dicir da Cora de Ruada é pouco, unha institución centenaria e de sona que traspasa fronteiras e que é un exemplo do mantemento da nosa tradición musical, un dos tesouros da provincia de Ourense".

Pola súa parte, o presidente da Coral de Ruada, agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio e colaboración, e explicou que o éxito da coral non é só "pola afección ao canto, senón porque foi capaz de manterse neste mundo globalizado e, por elo, é un espello no que mirarse para moitos coros". Asemade Samuel Lago salientou o vínculo que existe entre a agrupación musical e Ourense afirmando que "a cidade das Burgas non sería sen o río Miño e tampouco o sería sen a Coral de Ruada".