El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

EL CORREO dará mañá un libro dos 30 anos da caída do Muro de Berlín

Este proxecto do Atlántico do Noroeste Peninsular leva artigos de análise e a colaboración de Manuel Campo Vidal e Aníbal Cavaco Silva, entre outros

EUROPA Portada do novo libro do Eixo Atlántico - FOTO: ECG
EUROPA Portada do novo libro do Eixo Atlántico - FOTO: ECG

LUIS PLANAS SANTIAGO  | 08.11.2019 
A- A+

EL CORREO entregará mañá 30 anos xa, un libro do Atlántico do Noroeste Peninsular sobre os 30 anos da caída o Muro de Berlín pois mañá cúmprese ese aniversario.

A obra leva moitos artigos de análise nun proxecto que ten por director a Xoán Vázquez Mao.

“Este aniversario é un feliz pretexto para recordar as marcas indelébeis da Europa da posguerra, a importancia da caída do Muro de Berlín, a guerra fría e o sentimento de esperanza que esta Europa espertou e continúa a espertar en todos aqueles que acenaron á liberdade por entre as ruínas. Por iso, quixemos lembrar aquela que consideramos ser unha data clave na historia moderna de Europa e quixemos facelo da forma que cremos ser a mellor, fomentando o coñecemento, a reflexión e o debate plural en liberdade”, salientan os promotores deste libro.

Hai textos asinados por Andoni Aldekoa, Maria Lúcia Amaral, Manuel Campo Vidal e Anabel Campo Vidal, Aníbal Cavaco Silva, María Cerqueira, Arlindo Cunha, Luis Manuel García Mañá, Fernando González Laxe, Eneko Landaburu e José Luis Méndez Romeu, entre outros protagonistas desta visión coral.

A maquetación foi cousa de María Llauger e a coordinación da publicación de Emma Ben Álvarez e Chus Torres.

Esta coidada publicación chega cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder a través do programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020.

AS CONSECUENCIAS Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, fala deste xeito sobre caída dese muro e as súas consecuencias.

“O ano 1989 foi un ano no que se produciron tres acontecementos históricos. Dous deles cambiaron radicalmente a vida das persoas en Europa e no mundo. Un foi a invención de internet como un espazo aberto polo enxeñeiro británico Tim Berners-Lee, o 12 de marzo de 1989. En novembro foi a caída do muro, pero polo medio pasa outro acontecemento: a matanza de Tiananmén. Tres acontecementos cunhas consecuencias e unha lectura moi diferente”.

“Eu vivín a caída do Muro de Berlín e as súas consecuencias, tan ben descritas na publicación 30 anos xa, de Edicións do Eixo Atlántico. O discurso confuso de Egon Krenz ante as preguntas do xornalista da RAI, a poboación que se dirixe ao Muro de Berlín, os gardas completamente desconcertados, que non saben que facer… E, ao final, cando Egon Krenz quixo aclarar ou modificar o sentido da súa contestación, os acontecementos xa o superaran e non puido facer nada. Unha marea humana desfixera o muro, abrira a conexión entre ámbolos dous lados”, sinala.

Gorvachov E Sánchez Bugallo engade: “A partir de aí produciuse toda unha serie de cambios en cadea descontrolados, desde o punto de vista do intento de Mijaíl Gorvachov que intentaba organizar na URSS e nos países membros do Pacto de Varsovia unha transición á española. É dicir, controlando desde o goberno os pasos que se estaban dando nesa evolución democrática. A partir da caída do Muro de Berlín o proceso adquiriu a súa propia dinámica, que acabou culminando case dous anos despois, co intento de golpe de estado contra Gorbachov e Boris Yeltsin proclamando a independencia de Rusia e separándoa da Unión Soviética”.

E remata o alcalde Bugallo: “A continuación, o o desmoronamento da URSS, coa proclamación da independencia de cada unha das 15 repúblicas que a constituían. E no resto dos estados satélites vinculados á URSS, tamén foron imparables os movementos populares de entón”;