El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Cova Eirós revela a forma de vida que tiñan os neandertais en Galicia

Da conta da súa complexidade tecnolóxica e pericia técnica no Paleolítico medio// Na cavidade atopáronse xa máis de 2.500 obxectos líticos e óseos

Fábregas falando en Cova Eirós aos participantes na visita encabezada polo reitor da USC
Fábregas falando en Cova Eirós aos participantes na visita encabezada polo reitor da USC

LUIS MONTERO SANTIAGO E.P.   | 27.08.2019 
A- A+

Os traballos arqueolóxicos e de escavación desenvolvidos ao longo das últimas semanas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-ATT) da USC e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona na Cova Eirós (Triacastela) permiten adentrarse no coñecemento dos modos de vida dos grupos de neandertais que durante o Paleolítico medio moraron esta cova radicada na montaña luguesa, ao tempo que achegan luz sobre as formas de aproveitamento e explotación dos diferentes recursos do territorio durante un período do que se dispón de moi pouca información en Galicia.

O reitor da USC, Antonio López, salientou onte durante a súa visita a Triacastela o alcance e a relevancia das pescudas que está a realizar en Cova Eirós o grupo de investigación liderado polo catedrático da USC Ramón Fábregas Valcarce, ao tempo que puxo de manifesto as novas posibilidades de estudo que se abren e a múltiple información que achegan as numerosas pezas e restos líticos e óseos descubertos no marco desta nova campaña de escavacións no xacemento localizado no concello lugués de Triacastela.

López lembrou asemade que esta actuación, financiada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e que chegou onte ao seu remate logo de intensas semanas de traballo, posibilitou tamén afondar en diversos aspectos do coñecemento da cavidade e da súa contorna.

As intervencións arqueolóxicas desta campaña centráronse, segundo indicou Ramón Fábregas, nas ocupacións neandertais localizadas á entrada da cavidade e permitiron escavar toda a extensión do nivel 4, o que concentra a maior densidade de restos de toda a cova e que xa ten proporcionado para a súa investigación máis de 2.500 obxectos líticos e óseos.

As estancias nas que se centrou esta actuación correspóndense con campamentos residenciais onde os grupos de neandertais pasaron un tempo prolongado en Cova Eirós e realizaron diversas actividades.

A presenza de fogares, ósos queimados e con marcas de corte e percusión identificadas sobre a súa superficie indican que cazaban os animais, entre os que se advirte un predominio de cervos, para logo procesalos dentro do xacemento, tanto para o seu consumo como para o aproveitamento das súas peles, relatou o investigador da USC.

Os numerosos restos líticos, con núcleos, lascas e instrumentos retocados, indican que tallaron as súas ferramentas en cuarzos locais, transportados desde as canles próximas. Ademais, as ferramentas de talla Levallois en cuarcita de grao fino dan conta da gran complexidade tecnolóxica destes grupos e a súa pericia técnica, precisou o codirector da escavación, Arturo de Lombera.

Deste xeito, engadiu, as intervencións xa desenvolvidas no nivel 4 de Cova Eirós achegan cumprida información para afondar no coñecemento do Paleolítico medio na nosa comunidade autónoma.

Alén das actuacións arqueolóxicas, durante a primeira semana desta campaña, o traballo realizado por membros do clube Cetra e Ártabros permitiu levantar a topografía tridimensional da cavidade. Daquela, explicou de Lombera ao respecto, foi posible identificar os puntos de contacto entre as galerías interiores que conforman Cova Eirós e descubrir que ten conexión con outra pequena cavidade veciña, a Cova das Cabras.

gran valor patrimonial

•••Ademais de achegar novos datos sobre o sistema cárstico do monte Penedo, a información ten un importante valor patrimonial de cara á conservación deste Ben de Interese Cultural, como se puxo de manifesto no marco da visita institucional do reitor da USC co gallo do remate dos traballos desta campaña de escavacións. A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias; a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, e a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, tamén formaron parte da comitiva desprazada. O director facultativo de Canteiras da firma Cosmos, Javier García, e a responsable de Sustentabilidade da empresa, Ana González, estiveron presentes.