El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O CPEIG recoñece á enxeñeira informática Luz Castro co premio Ada Byron

O ente colexial faralle entrega do galardón o vindeiro 23 de novembro, dentro da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

REDACCIÓN. SANTIAGO  | 18.10.2012 
A- A+

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgarlle o Premio Ada Byron, na súa primeira edición, á enxeñeira informática Luz Castro Pena (Ferrol, 1972). O galardón inscríbese nos premios anuais que outorga o ente colexial durante a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano chegará á súa cuarta edición o vindeiro 23 de novembro de 2012.

O colexio valorou a intensa traxectoria profesional da galardoada,  enxeñeira Informática pola Universidade da Coruña, e a súa implicación na defensa da Enxeñaría en Informática. Socia fundadora de Imaxin Software, empresa na que é directora da área especializada no desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia, Luz Castro é profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña desde o ano 2008. A premiada foi  vicepresidenta da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet) entre os anos 2008 e 2010. No ano 1994 fundou a Plataforma polo Galego na Informática e foi vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística no período 2002 /2004.

Tencoloxía e sociedade igualitarias
O CPEIG decidiu outorgar por primeira vez este premio porque considera fundamental a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación e como líderes dun “sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza da saída da actual crise”. En opinión do CPEIG, as mulleres deben ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”.

Ada Byron foi unha matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica  de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

SOBRE O CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 300 persoas colexiadas.