El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O CSIC reúne nun libro un elenco de máis de 150 escritoras galegas ou vinculadas a Galicia ao longo do século XIX

O seu editor, Carlos Andrés González, recoñeceu en Radio Obradoiro que ós responsables da publicación lles sorprendeu "o mundo de escritoras que había detrás do triunvirato formado por Rosalía, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal" // Cre que "seguramente quedarán moitas por descubrir"

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Carlos Andrés González, editor do libro "Escritoras na Galicia do século XIX"

SANTIAGO. EP / RO  | 06.03.2015 
A- A+

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de presentar 'Escritoras na Galicia do século XIX', un libro que reúne un repertorio bibliográfico de máis de 150 escritoras galegas ou vinculadas a Galicia que exerceron a súa actividade no século XIX.   

A obra está editada por Carlos Andrés González Paz, do Instituto de Estudios Galegos 'Padre Sarmiento', e constitúe o número 13 da colección 'Monografías' de Cadernos de Estudios Galegos, serie editada por esta entidade dende 1996.   

Nas súas 217 páxinas reúnense os principais resultados dunha investigación realizada no equipo 'Culturas e sociedades no mundo ibérico dende a Idade Media', que analizou arquivos, hemerotecas e bibliotecas autonómicas e nacionais para localizar, tomando como referencia o século XIX, a escritoras galegas.   

Para iso, tiveron en conta tanto a escritoras con orixe familiar en Galicia coma a escritoras galegas, as establecidas na emigración, escritoras foráneas asentadas en Galicia ou escritoras a obra das cales se publicou en medios escritos da Comunidade.

TODOS OS XENEROS   

Ademais de cultivar distintos xéneros, o estudio destaca como "significativo" o número de escritoras que exerceron o periodismo tanto nas redaccións coma na dirección de revistas e semanarios.   

A obra recupera para o coñecemento público nomes como os da escritora ourensana Filomena Dato Muruais, a ferrolana Hipólita Muíño Lago ou a coruñesa Carmen López-Cortón Viqueira e recolle unha nómina de "falsas escritoras", que en realidade eran homes --como Valentín Lamas Carvajal, Heraclio Pérez Placer ou Amador Montenegro Saavedra-- e que empregaban pseudónimos femininos para as súas publicacións.  

Nunha entrevista este venres en Radio Obradoiro, Carlos Andrés González recoñecía que "nos sorprendeu descubrir todo un mundo de escritoras detrás do triunvirato formado por Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal". Ademais está convencido de que "seguramente quedarán moitas por descubrir".O editor do libro tamén sinalaba que, ademais do elevado número, lles chamou a atención "as escritoras que había tanto no ámbito rural como no urbano, e o mundo literario de Santiago". Polas trabas sociais da época, pódense distinguir dos tipos de escritoras "entre as que se atrevían a escribir e publicar: as consentidas ou toleradas, e as proscritas". González diferenciou dous ámbitos: o da ensinanza, con moitas mestras escritoras, e o das xornalistas". Todas, concluiu, "tiveron que afrontar a crítica social, ás veces de xeito descarnado".