El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Defenden a súa opción de Carballo Calero sete académicos da RAG

Critican que para o Día das Letras 2020 se fale de proposta "maioritaria" e "minoritaria"

Carballo Calero, nun simposio sobre literatura galega. 
Baixo  - FOTO: ECG
Carballo Calero, nun simposio sobre literatura galega. Baixo - FOTO: ECG

LORENZO FERNÁNDEZ   | 18.06.2019 
A- A+

Convencidos da idoneidade da figura de Ricardo Carballo Calero como posible homenaxeado no Día das Letras Galegas, sete membros da Real Academia Galega critican nun comunicado que a institución distinga entre proposta maioritaria e minoritaria.

Unha distinción que, ao parecer, xurdiu tras coñecerse que outro grupo optou tamén nesta ocasión por Carballo Calero.

Baixo o título A Galicia insólita: dúas propostas para Carballo Calero DLG 2020, firman o texto Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas e Xosé Luís Regueira.

Nun primeiro punto, no que lembran que levan seis anos consecutivos propoñéndoo pola "calidade incuestionable do seu inmenso labor como crítico, ensaísta e creador literario", din ser moi conscientes da súa opción reintegracionista, pero engaden que "a academia non debe temer o debate normativo, pois mala cousa sería se a institución non fose quen de defender social e filoloxicamente a bondade da normativa vixente".

Aseguran que tras rexistrar a súa proposta o 24 de maio de 2018, varios académicos fixeron o mesmo o 8 de xuño con Fraguas, cuns méritos innegables, pero que "nunca debeu ser usado para seguir postergando e marxinando a Carballo".

Este 20 de maio nove membros volveron propoñer a Carballo, e "segundo un xornal dixital, horas antes trece académicos presentaran outra" proposta, tamén para el.

Un grupo este no que "hai quen se opuxo radical e combativamente á elección do autor de Scorpio", o que ven sorprendente.

No cuarto falan de que "a academia referiuse públicamente ás dúas propostas como a minoritaria e a maioritaria", e que eles diferencia entre a que se fai por sexto ano e a que busca "impedir que un quiñón de académicos leven o mérito de presentar a Carballo, por teren criticado o rumbo que lle imprime á RAG a súa actual directiva".

Por último, e tras non cuestionar a legalidade da maioritaria, cren que "hai actuacións moralmente detestables, como ocorre con esta proposta insólita, que conta co apoio de toda a executiva da academia", e rematan celebrando "que, por fin, Ricardo Carballo Calero teña o xusto e merecido Día das Letras Galegas".