El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Destacan no CCG a profunda relación histórica coa Habana

Varios expertos analizan as migracións entre ambos territorios e as influencias culturais // Complementa a iniciativa unha mostra no Museo do Pobo Galego

Yahima Martínez, Rosario Álvarez, Antonio Rodríguez Miranda e María Xosé Porteiro
Yahima Martínez, Rosario Álvarez, Antonio Rodríguez Miranda e María Xosé Porteiro

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 08.11.2019 
A- A+

"Hai un vínculo que nos une dunha maneira especial coa Habana", indicou onte a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración do congreso A Habana galega: Historia e memorias cruzadas.

A primeira sesión serviu para coñecer a historia galega desta cidade e a pegada cubana na nosa literatura. A cita segue hoxe coa análise dos movementos migratorios e as influencias culturais da man de Pilar Cagiao, Xosé Manoel Núñez Seixas, Cira Romero ou Luis Toledo Sande.

Como complemento do congreso, no serán deste xoves inaugurouse no Museo do Pobo Galego a mostra O soño cubano da emigración galega (aberta ata o 22 de decembro) que recupera a fortaleza, continuidade e visibilidade da presenza galega na Habana.

Ademais, o Auditorio de Galicia acolleu o concerto Foliada Habaneira, a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón.

Ademais da presidenta do Consello da Cultura Galega, a cocoordinadora da xornada, María Xosé Porteiro; a consulesa de Cuba en Galicia, Yahima Martínez, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda foron os encargados de inaugurar un encontro cheo de significación polo vínculo especial entre ambos territorios.

Rosario Álvarez destacou que tres dos principais símbolos que marcan a nosa identidade, como son a bandeira, o escudo e o himno, foron froito do espírito creador emigrado na illa. María Xosé Porteiro, que xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas coordina esta cita, destacou que "estamos aquí para celebrar un aniversario". E é que o 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos.

O programa deseñado polo CCG para celebrar esta efeméride arrincou en Cuba en outubro e chega agora a Compostela.

O historiador Vicente Sanz foi o encargado de trazar o contexto da Habana na época tardocolonial, no século XIX. E Sergio Guerra, profesor da Universidade da Habana, aproveitou para destacar a pegada galega na propia historia urbana da cidade.

O profesor da Columbia University José C. Moya, estableceu fíos de conexión entre A Habana e outras cidades como Bos Aires ou Nova York, que foron "durante moitos anos eminentemente masculinas como consecuencia de ser centro de acollida de inmigrantes de longa distancia".

Unha situación que, segundo explicou, mudou nos últimos cincuenta anos. Ademais, dixo que en Cuba "permanecen moitas prácticas culturais vencelladas a Galicia, como comer o caldo, pero que non conservaron a súa identidade galega. Non teñen memoria".

Na súa intervención, tamén destacou que o descubridor de Cuba era un galego: Sebastián Ocampo, "aínda que non sabemos se era de Tui ou de Noia", puntualizou ao respecto.

Entre todos eles axudaron a trazar un vínculo especial da comunidade galega coa capital cubana que foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en territorio galego.

Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia.

Na sesión da tarde Rosa Aneiros, María Xosé Porteiro, Xabier Alcalá e Xerardo Agrafoxo destacaron a pegada habaneira nas súas respectivas novelas.

Rosario Álvarez

presidenta do ccg

"Hai un vínculo que nos une dunha maneira especial coa Habana. A bandeira, o escudo e o himno foron froito do espírito creador emigrado na illa de Cuba"