El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Día do Libro Infantil e Xuvenil con actividades para os máis novos

Obradoiros e contacontos forman parte da oferta tanto para hoxe como para toda a semana// A programación, dispoñible en cultura.gal e na ‘app’ Axenda Cultura

MARÍA ABASCAL  | 02.04.2018 
A- A+

Hoxe é o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha efeméride que a Organización Internacional para o Libro Xuvenil celebra desde o ano 1967 coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.

O seu obxectivo é fomentar o amor polos libros e chamar a atención da sociedade sobre as publicacións para nenas e nenos. Para conmemorar esta data, as bibliotecas de xestión autonómica adscritas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolven unha programación específica, dirixida sobre todo aos máis novos, pero tamén para un público familiar.

Contacontos, obradoiros, mostras bibliográficas, espectáculos ou agasallos son algunhas das propostas que se celebrarán na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na da Coruña Miguel González Garcés, na de Pontevedra Antonio Odriozola, na de Vigo Juan Compañel e na de Santiago de Compostela Ánxel Casal.

Tamén a través delas poden os usuarios que estean a cursar primaria ou o primeiro ciclo de secundaria participar no concurso Un conto de H.C. Andersen en banda deseñada.

Trátase dun certame convocado pola Organización Española del Libro Infantil y Juvenil, a través de Gálix, no que se anima aos lectores a escoller o seu libro favorito do autor danés e facer a súa versión en viñetas.

Biblioteca Pública de Lugo. Para axudar aos que queiran participar neste concurso, pero non saiban como facelo, a Biblioteca Pública de Lugo organiza o obradoiro de banda deseñada Aprendendo a contar unha historia en viñetas, para nenas e nenos de 6 a 8 anos. Será o venres 6 de abril, ás 18.00 horas e é precisa inscrición previa na sala infantil da biblioteca.

Contacontos. A Biblioteca Pública de Ourense ofrece mañá, ás 18.30 horas un contacontos impartido por Susana Vilar, baixo o título Os libros fanche grande, para pequenos de entre 4 e 6 anos. Hai que inscribirse antes na propia biblioteca ou por teléfono.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel terá un contacontos para bebés dos 0 aos 3 anos, Adiviña cantos che conto, a cargo de Almudena Francés, na sala infantil o xoves 5 de abril. O sábado 7 de abril, as historias serán contadas por Anxo Moure, para nenos a partir de tres anos, con A tenda das palabras. Verbas do bosque. Para as dúas actividades é preciso inscrición previa na biblioteca.

O venres 6 de abril, ás 18.00 horas, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Bea Campos contará A princesa e o chícharo e outros contos para un público de máis de tres anos de idade. Non é precisa inscrición previa.

E a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés engade os contacontos de Chus Álvarez ás visitas escolares extraordinarias que vai acoller para conmemorar este día mañá e o xoves 5 de abril, en horario de mañá.

Biblioteca de Galicia. Mañá, durante toda a xornada, a Biblioteca de Galicia agasallará a todas as persoas que se acheguen ata alí cunha publicación infantil. E o 8 de abril acollerá o obradoiro Poemas con chocolate, dirixido a mozas e mozos de 7 a 12 anos, no que aprenderán a combinar os seus poemas favoritos co chocolate que mellor lles acae. É unha actividade de balde, que precisa inscrición previa.

Esta programación pode consultarse na páxina web www.cultura.gal ou a través da app Axenda Cultura.