El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Dúas institucións galegas no mundo, VIII Premio Ourensanía deste ano

A entrega terá lugar o vindeiro 11 de novembro, día de San Martiño

O presidente Baltar
O presidente Baltar

REDAC.   | 09.08.2018 
A- A+

O Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e o Centro Ourensano de Montevideo veñen de ser recoñecidos co VIII Premio Ourensanía, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O xurado do premio, reunido onte no Mosteiro de San Pedro de Rocas baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou concederlle o galardón a estas dúas institucións por "promover a ouresanía na colectividade galega de ambos países", recolle a acta do xurado. "A ourensanía non só está presente na provincia de Ourense, senón que chega a todas as partes do mundo alá onde hai un ourensán", sinalou o xurado do galardón que, neste mesmo senso destacou "a singularidade ourensá, dentro da diáspora galega, tense manifestado a través de institucións que marcaron un tempo, o da emigración masiva a América, no que Ourense estivo moi presente".

Tal é así que destacados galeguistas ourensáns, como Rodolfo Prada, albacea de Castelao, "propulsaron a creación nos anos 40 do Centro Ourensano de Bos Aires. Esta institución provincial foi o epicentro da política antifranquista e a casa común do galeguismo ata o punto de que o propio Castelao estableceu alí o seu despacho. E, desde o centro ourensano desenvolveu o seu labor político e artístico no exilio bonaerense ao longo dunha década", engadiu.

A entrega do premio Ourensanía 2018 terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de ­novembro, coincidindo coa festividade de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía.