El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A EGAP conmemora o Día das Letras Galegas

Sonia Rodríguez-Campos
Sonia Rodríguez-Campos

ECG SANTIAGO  | 16.05.2019 
A- A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presidiu onte a homenaxe a Antonio Fraguas na tradicional celebración do Día das Letras Galegas feita pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Rueda resaltou o traballo de Fraguas por e para Galicia, poñendo o acento no seu coñecemento sobre a cultura, as tradicións e o folclore galego, e tamén na súa calidade humana.

O acto literario contou coa actuación de música de Sonsoles Penadique e a función de contacontos de Verónica Rilo, ademais da xa tradicional entrega dos premios do Concurso de literatura infantil e xuvenil da EGAP. Para eles tivo unhas palabras o vicepresidente da Xunta que se dirixiu aos mais cativos para felicitalos e recordarlles que sigan lendo, escribindo e estudando tamén en galego. Rueda quixo destacar a defensa da cultura e a lingua galega de Fraguas, xunto co seu compromiso e a súa humildade.

Durante o acto, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, incidiu na importancia da celebración desta cerimonia que se converteu nunha tradición para o organismo e que pon de manifesto que a defensa da nosa lingua debe estar sempre presente no labor das institucións públicas do país. Por último, as autoridades presentes inauguraron unha mostra de arte das Letras Galegas con traballos de persoal empregado público.

As actividades continuarán mañá cunha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor homenaxeado e á que asistirán cincoenta empregadas e empregados públicos de Galicia.