El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Dermatólogo

Emilio del Río de la Torre: "Debemos evitar o sol e a praia entre a unha do mediodía e as catro da tarde"

Emilio del Río de la Torre
Emilio del Río de la Torre

SANTIAGO CALVO LÓPEZ SANTIAGO  | 16.06.2019 
A- A+

Despois de tantas décadas en primeira liña da Medicina en Galicia é un dos profesionais máis valorados de Galicia, como se sente?

Je,je... sí son cerca de 30 anos como dermatólogo e, salvo a etapa de formación e doutoramento en Madrid, sempre no meu amado Santiago de Compostela. Xa vai por algunha persoa que ven a verme e estivo hai xa tempo que me dí: "a min xa me veu seu pai hai vinte anos..." cando fun eu mesmo.

En canto ó recoñecemento profesional, en Medicina (e calquera materia realmente), non é un logro permanente, necesita revalidarase cada día, persoa a persoa, cada caso é un reto en sí mesmo, novo, importantes todos, porque para cada persoa a súa enfermidade é unha dificultade que pode vivir como enorme, incluso unha acne dun adolescente. Ás veces, tamén é certo que é difícil ou de imposible solución e, nese caso, pouco máis podemos conseguir que escoitar e acompañar ó enfermo.

Tivo o privilexio de formarse xunto a decenas de profesionais de alto nivel relacionados coa Dermatoloxía, podería citarnos algúns exemplos de especial relevancia?

Hoxe en día a formación e a aprendizaxe en case todas as disciplinas tenden a ser transversais: incorporamos novidades de compañeiros ó mesmo tempo que achegamos tamén nós mesmos ós demáis algo da nosa práctica cotián. Todos temos moito que aprender e sempre algo que ensinar. Pero teño especial cariño polo profesor Alfredo Robledo Aguilar, catedrático da especialidade hai ben anos en Santiago -onde deixou unha fonda pegada polo seu carácter tan afable- e despois, catedrático en Madrid. Foi o iniciador da Sección Galega da Academia Española de Dermatoloxía. Tamén o profesor Antonio García Pérez, o meu director de tese de doutoramento, que veraneaba sempre en Porto do Son, a onde ía a velo cada ano puntualmente. Igualmente o doutor Luis Conde-Salazar, pioneiro no estudo das dermatites profesionais e da medicina do traballo en España, e actual director do Museo Olavide da Academia Española de Dermatoloxía en Madrid, unha xoia aberta ó público que acumula importantes tesouros históricos, como unha impresionante colección de figuras de cera representando enfermidades da pel, case todas moldeadas con extraordinario realismo a finais do século XIX.

Segundo a súa opinión, cales foron os grandes fitos da Dermatoloxía desde que atendeu ao primeiro paciente ata os nosos días?

Fun da xeración que creceu xa coa Lei Xeral de Sanidade de 1986. Antes desa lei visionaria, promovida polo ministro Ernest Lluch, tristemente asasinado anos despois nun inexplicable acto terrorista, a medicina era moi paternalista (aínda que sempre bondadosa). Esta normativa situou a autonomía das persoas, a universalidade, a equidade da atención médica e o dereito á saúde como eixes básicos de sanidade e podemos estar orgullosos de que España foi practicamente pioneira no mundo nese avance.

Tamén cambiaron moito os medios técnicos. Antes traballabamos con pouco máis que un papel e un bolígrafo, os ordenadores eran incluso unha rareza. Na acualidade a mellora nos equipamentos, tanto de diagnóstico coma de tratamento, foron exponenciais: incoporáronse os láseres como medios de tratamento de moitas dermatoses, a telemedicina -que comezamos en Galicia hai 20 anos- permite diagnósticos e o manexo a distancia, xa dermatoscopia con aumento e fontes de luz polarizada e a ecografía cutánea permiten afinar moito o diagnóstico.

Igualmente a chegada de novas técnicas e produtos coma a toxina botulínica e o ácido hialurónico básicos na dermatoloxía estética. E tamén os avances farmacolóxicos, deles, o que máis me marcou foi a chegada dos retinoides, derivados sintéticos da vitamina A, moi útiles en acne, psoríase e outras patoloxías e que vivín desde o seu nacemento até hoxe. Nun futuro, moita Medicina será analizada por intelixencia artificial e executada por un brazo robótico. Pero o médico sempre estará aí tomando decisións e acompañando ó enfermo.

As campañas de información ó cidadán sobre a prevención das enfermidades dermatolóxicas foron útiles?

Moi útiles. Gran parte dos logros en cancro de pel, protección solar apropiada e mesmo dieta dermosaudable, débense ó esforzo conxunto das asociacións de dermatólogos, colexios profesionais de farmacéuticos e autoridades sanitarias. O grao de concienciación sobre os perigos do exceso de sol é moito maior agora que hai 2-3 décadas.

Seguimos comprando remedios que, no mellor caso, non fan dano?

A pel é o órgano que nos relaciona de forma inmediata cos demáis, é o primeiro que vemos de cada persoa e que nos dá a primeira impresión. É natural, entón, que a coidemos e queramos mellorar. Aínda que, ás veces, seguimos pecando por exceso ou por defecto.

Coidamos cada vez máis a pel? Que nos recomendaría?

Sí, estamos motivados porque gústanos gustar. Debemos tamén adecuar e priorizar os coidados que necesita a pel nas distintas etapas da vida: protexer e hidratar na infancia, limpar na adolescencia e xuventude e revitalizar as peles adultas e maduras. E aprender a aceptármonos nas nosas limitación e na nosa diversidade. De feito, estamos atendendo peles distintas que enriquecen e diversifican: peles asiáticas, nativas americanas, africanas, etc.: Galicia é cada vez máis multicolor.

No que respecta á protección solar en concreto, tamén estamos incorporando, ademáis das cremas, a fotoprotección da sensatez, do sentidiño: usar sombreiro (afortunadamente recuperado para o día a día), roupa longa pero fresca, calzado axeitado e algo que facían os nosos maiores e que esquecemos completamente: a fotoprotección horaria, evitar o sol e mesmo a praia entre a unha de mediodía e as catro da tarde.

Seguro que en tantos anos exercendo a súa profesión acumula un riquísimo catálogo de anécdotas. Pode citarnos algunha?

Son moitas, de feito non hai día que non suceda algo divertido. Sempre é ademáis importante afrontar a consulta con rigor, corrección e profesionalidade pero, ó mesmo tempo, con humanidade e humor, porque bastante duro é levar e asumir o medo á enfermidade como para que sexa acompañado por un médico pouco empático.

Moitas anécdotas veñen da confusión de nomes, como aquela señora que me dicía que tomaba o Nitramón (famoso fertilizante agrícola cada tarde) en lugar do Sintrom (o coñecido anticoagulante). Como ademáis a Dermatoloxía é, en realidade, Dermatoloxía e Venereoloxía, esta segunda parte préstase moito a ocorrencias de todo tipo, como aquel mariñeiro con un amor en cada porto e que me tiña que visitar con frecuencia por iso. Insistinlle que tiña que sentar a cabeza e usar medidas de prevención e respondeume. "non se preocupe, doutor, que a de agora é formal, que está casada".

A que nivel atópase a Dermatoloxía en Galicia comparándoa co resto de España?

Moi alto, tanto a nivel asistencial coma investigador, e nas 4 provincias galegas, A día de hoxe faise moi boa Medicina e Dermatoloxía en toda Galicia. De feito, segue sendo a especialidade máis demandada no MIR, como puidemos comprobar hai unhas semanas nas que os estudantes galegos nos primeiros postos escolleron Dermatoloxía tanto en hospitais galegos coma de toda España.

Precisamente esa é unha asignatura pendente porque, é moi importante saber o que se fai fóra, pero estamos perdendo talento que non volve e non nos podemos permitir perder. Sucede como o poema de Rosalía: "Este vaise e aquel vaise..." aínda un século e medio despois. Igual que para outras disciplinas, temos que procurar fixar o talento, a riqueza e os recursos ó territorio e facer mais grande este país aquí, sendo mesmo referencia en cada segmento médico e económico e atraendo poboación e recursos.

As últimas investigacións parecen estar a gañar a batalla ó melanoma, é así?

As novas moléculas dirixidas e a inmunoterapia poden ofrecer resultados moi prometedores. Sen embargo, queda aínda moito por facer. É unha labor titánica. A divulgación e coñecemento, a autoexploración dos cambios cutáneos, acudir pronto ante unha lesión nova na pel, un lunar que cambia ou molesta ou unha ferida que non cura nun prazo razoable seguen sendo a base do diagnóstico precoz e do mellor éxito na curación.

Cal foi o consello que máis influíu na súa vida e de quen o recibiu?

De miña irmá Trini, a quen perdín hai pouco, pero que me acompaña cada día no corazón e no pensamento. Siempre me insistía que, incluso nas peores experiencias, profesionais o personais -que sempre as hai-, debía explotar esa habelencia natural de ser capaz de analizar, aprender e aproveitar para incorporar o que poida ter de positivo esa mala experiencia para tomar impulso e seguir adiante con maior bagaxe, iso que agora parece que se chama "resiliencia" e que sempre formou parte do noso "sentidiño".

TRAXECTORIA Licenciado en Medicina e Ciruxía na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela en 1988. Realizou a súa formación MIR en Dermatoloxía no Hospital universitario San Carlos de Madrid, entre os anos 1989 e 1992. Doutorado en Medicina, mención Cum Laude no ano 1996 no Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública e Historia da Ciencia na Universidad Complutense de Madrid, cunha tese sobre o nacemento e formación da Dermatoloxía en España, concretamente en Madrid. En marzo de 2005, renunciou á praza de Dermatólogo Titular do Servizo Galego de Saúde, para dedicarse por completo ó desenvolvemento do proxecto Dermalar.