El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Enrique López presentará mañá no FNAC coruñés 'Hércules e o xigante'

Estará acompañado o ilustrador pola editora da publicación, Laura Rodríguez Herrera

Portada da obra de López
Portada da obra de López

REDACCIÓN   | 12.09.2019 
A- A+

Santiago. O ilustrador coruñés Enrique López da vida á nova aposta editorial de Hércules de Ediciones, Hércules e o xigante. Unha torre de lenda/Hércules y el gigante. Una torre de leyenda, que se presentará na FNAC mañá, ás 19.00 horas.

Enrique López, que estará acompañado no acto pola editora da obra, Laura Rodríguez Herrera, asinará exemplares da mesma a todos os asistentes a esta cita que así o desexen.

Con este álbum ilustrado, tanto o autor como a propia editorial quixeron darlle un xiro á lenda de Hércules, exaltando a importancia do valor da colaboración e o traballo en equipo para resolver todo tipo de conflitos.

"Con esta versión busco demostrar que en lugar de cortar cabezas é mellor usalas para atopar solucións", explica Enrique López, autor tanto dos textos como das ilustracións.

Con debuxos feitos a man de xeito artesanal coa técnica dos lapis de cores, o libro está editado en castelán e en galego, e vai dirixido a todos os públicos.

Nacido na Coruña, desde pequeno estivo irresistiblemente atraído polas boas historias, en especial polas que empregaban a narrativa gráfica, xa foran contos ilustrados ou cómics.

Desde entón, sempre estiveron presentes na súa traxectoria, tanto na súa formación como arquitecto como na súa paixón polo debuxo. Actualmente compaxina a ilustración de contos infantís e xuvenís cun proxecto persoal dentro do ámbito do retrato.

En Hércules de Ediciones publicou tamén obras como Ring, ring... ¿quién rima?, Clara y el rapto de la puesta de sol y ¡Vida sana! Desde la infancia y para siempre.