El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Éxito da mostra 'Galicia Universal', que visitaron máis de 30.000 persoas

A exposición máis ambiciosa sobre a arte galega pecha o domingo // Pode verse no Museo Centro Gaiás desde o 16 de marzo

Un mestre cos seus alumnos observan un cadro - FOTO: ECG
Un mestre cos seus alumnos observan un cadro - FOTO: ECG

IRENE JIMÉNEZ   | 12.10.2018 
A- A+

A Cidade da Cultura despide este domingo a mostra máis ambiciosa realizada, ata o momento, sobre as nosas artes plásticas: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación e cuxo enorme interese levou a máis de 30.000 persoas a achegarse, desde o 16 de marzo, ao Museo Centro Gaiás para admirar unha selecta escolma de 192 obras procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e consideradas entre as máis importantes de España.

Por vez primeira, unha mesma exposición reuniu obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos ata completar un total de 119.

Ata o 14 de outubro, no Museo Centro Gaiás pode verse esta escolma de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supuxo unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega.

 


Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt