El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Feijóo: “Vidal Bolaño prestixiou o galego como palabra dita nos escenarios”

O presidente da Xunta definiu ó homenaxeado como “creador moderno do teatro galego” // A viúva do autor compostelá dixo que parte da celebración non está sendo como ela esperaba

Dende a esquerda, Currás, Quintáns, Núñez Feijóo, Alonso Montero e Vázquez Abad no acto do Salón Teatro (Santiago) - FOTO: FERNANDO BLANCO
Ver galería
Dende a esquerda, Currás, Quintáns, Núñez Feijóo, Alonso Montero e Vázquez Abad no acto do Salón Teatro (Santiago) - FOTO: FERNANDO BLANCO

JOSÉ GONZÁLEZ. SANTIAGO  | 17.05.2013 
A- A+

"Cando o galego non estaba valorizado como palabra escrita, Vidal Bolaño prestíxiao como palabra dita nos escenarios teatrais e audiovisuais. Leva a eles a Galicia que coñece, unha Galicia na que non faltan vítimas e perdedores". Así definiu a Roberto Vidal Bolaño o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, onte no Salón Teatro (Santiago) nun dos actos centrais do Día das Letras Galegas.

"Celebramos nel ao creador do moderno teatro galego, ao autor, creador e actor, pero sobre todo a un home libre que fixo do chapeu negro e o nariz de pallaso un símbolo da súa rebeldía. Non era xusto que narradores e poetas estiveran por riba dos homes de teatro sabendo que o teatro é poesía e narrativa en acción, dende os tempos nos que Aristófanes denunciaba as eivas do seu tempo".

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt

 

Intervención de Feijóo no acto conmemorativo do Día das Letras

"Saúdo cordialmente ao novo Presidente da Real Academia Galega, que recentemente ten tomado posesión do seu cargo;

Tamén ás autoridades presentes.

Saúdo de xeito especial á viúva e a toda familia de Roberto Vidal Bolaño;

Miñas donas e meus señores.

Os galegos sabemos que Babel non foi unha maldición. Por experiencia podemos afirmar que a proliferación de linguas non estaba destinada a crear confusión entre os homes e mulleres, senón a apreixar mellor a realidade.

Os galegos temos que estar de acordo coa fermosa idea de que a obra da humanidade era demasiado grande e complexa para ser comprendida nun só idioma, que as emocións dos mortais eran demasiado ricas para caber nunha soa lingua.

Teríamos así que a riqueza expresiva do mundo non o limita, senón que amplía o espírito humano. Cada lingua engade elementos novos ás outras. Como saben tradutores e intérpretes, hai matices agochados en palabras, que non atopan unha correspondencia exacta noutras linguas. Isto é así porque os idiomas nacen en realidades diferentes, expresan paisaxes xeográficas e humanas distintas.

Cada idioma é un retrato do que é, do que foi e do que quere ser un país. Para coñecer unha comunidade humana determinada, compre pescudar no seu idioma e dialogar con el.

Por iso as linguas necesítanse unhas ás outras. Compleméntanse porque son parte dun todo común.

A súa proliferación non foi ningunha maldición, pero si o é teimar no seu enfrontamento, ou pensar que pertencen en exclusiva a alguén. As linguas son inocentes. Son os homes os que ás veces as perverten para convertelas en mazás da discordia. Preservar o significado primixenio da lingua como factor de unión, é unha misión que os seus falantes endexamais podemos esquecer.

Nese reparto que o Creador fai no comezo dos tempos, os galegos tivemos a sorte de ser un dos pobos distinguidos co tesouro dun idioma propio. Iso foi así porque temos unha maneira peculiar de estar no mundo e de entendelo. Temos unha maneira propia de sentir que require un código lingüístico axeitado, capaz de esgotar as nosas posibilidades expresivas. A lingua foi un don que conservamos, cultivamos e engrandecemos. A lingua foi a gran compañeira que estivo con nós na enfermidade e na saúde, na pobreza e na riqueza, na tristura e na ledicia.

O galego é unha ferramenta de liberdade. Nel sentímonos libres. El únenos. Axúdanos a entender o noso entorno. E non nos enfronta con nada nin con ninguén. É unha ponte con todo e con todos. Ao longo da historia, que teñamos unha lingua á que pertencemos e que nos pertence, nunca foi un atranco para facer do noso país unha terra aberta. A lingua non nos illa nin nos pecha. Non foi nunca a lingua galega un baluarte senón unha casa común hospitalaria, apta para recibir o aporte doutras culturas.

Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia. Vivimos nun tempo que non admite identidades pechadas ou monolíticas. Prosperan os pobos orgullosos de si mesmos, pero con identidades abertas, mentres que esmorecen os que interpretan calquera influenza como algo hostil.

Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos.

Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida. Pero nese traballo artesanal anónimo hai persoas que se distinguen, modelos no que nos miramos e exemplos que admiramos.

Xentes que fixeron certa a afirmación de Castelao: .

É o caso de Francisco Fernández del Riego, de cuxo nacemento se cumpren cen anos. El elevou o prestixio da Real Academia Galega, facendo dela un lugar de encontro. Recuperou a Rosalía en tempos lúgubres nos que eran necesarios fachos acesos. Tivo a iniciativa de establecer unha data dedicada ao idioma e á palabra. Grazas por tanto esforzo. Grazas por un entusiasmo do que somos debedores.

É o caso tamén de quén Xesús Alonso Montero definiu como . Certamente o valor de Roberto Vidal Bolaño no teatro galego é moi semellante ao que tivo o autor de no teatro grego. Cando o galego estaba valorizado como palabra escrita, Vidal Bolaño prestíxiao como palabra dita nos escenarios teatrais e audiovisuais. Leva a eles a Galicia que coñece, unha Galicia na que non faltan vítimas e perdedores.

Celebramos nel ao creador do moderno teatro galego, ao autor, creador e actor, pero sobre todo a un home libre que fixo do chapeu negro e o nariz de pallaso un símbolo da súa rebeldía. Non era xusto que narradores e poetas estiveran por riba dos homes de teatro, sabendo como sabemos que o teatro é poesía e narrativa en acción, dende os tempos nos que Aristófanes denunciaba as eivas do seu tempo.

Señoras e señores. Xuntos formamos un pobo de palabra, xuntos somos o pobo da palabra. A palabra é o elemento que nos constitúe e nos identifica. A palabra é o que nos queda dos nosos devanceiros, e o que legaremos ás xeracións posteriores porque as palabras son inmortais. Con elas amamos, loitamos e describimos mundos novos.

Cada un de nós é un ser illado, pero en comunidade formamos un gran país. Cada palabra solitaria parece pouco, pero fiadas son un exército pacífico que forma unha lingua.

Estamos aquí para reafirmar o noso compromiso con ela. Pertencémoslle a ela; e ela perténcenos. Está con nós dende sempre, e vai estar sempre porque nela temos depositados os nosos anhelos máis fondos. Naquel reparto do escaso tesouro das linguas, a nós tocounos a mais fermosa. Sexamos dignos dela.


Moitas grazas.