El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Fernando Moreiras: “Gañar o premio Plácido Castro foi toda unha sorpresa e tamén unha honra”

Recollerá o galardón este sábado no auditorio de Corcubión, vila natal do destacado galeguista

REDACCIÓN. VIGO  | 05.10.2011 
A- A+

Fernano Moreiras nunha das aulas da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde imparte docencia

Despois de traducir clásicos como 1984 e A granxa dos animais de George Orwell, e bet-sellers como o Código Da Vinci de Dawn Brown ou Indignádevos de Stéphane Hessel, ao profesor Fernando Moreiras (Vigo, 1976) chegoulle o recoñecemento coa súa primeira tradución dun texto poético Ensaio sobre a crítica, do poeta inglés Alexandre Pope. Soubo da concesión da décima edición Premio de Tradución Plácido Castro a través da chamada telefónica dun amigo e o sábado recollerá o galardón no auditorio de Corcubión, vila natal de Plácido Castro, escritor, xornalista e tradutor galego e destacada figura do galeguismo de entreguerras.

“Para min foi toda unha sorpresa e tamén unha honra”, admitiu o tradutor, profesor especialista en tradución de textos xurídicos e administrativos, pero autor de traducións de todo tipo “como acostuma a ser habitual nesta profesión”, admite en referencia a que “traducir un pouco de todo é unha das mellores cousas dun traballo que che permite aprender cousas novas cada día”.


Primeira tradución ao galego de Alexander Pope
Alexander Pope é un dos mellores poetas ingleses do século XXI e ata agora nunca fora traducido ao galego. O seu Ensaio sobre a Crítica escribiuno aos 23 anos de idade e representou unha significativa achega a unha produción literaria que o consagrou como un dos maiores referentes do seu tempo.

Nesta edición presentáronse a este certame, que todos os anos organiza a Fundación Plácido Castro, dez traducións e a tarefa de elixir a un gañador non foi sinxela, segundo subliñaron dende a organización, debido a que todos os traballos destacaron pola súa calidade. Sen embargo, o xurado valorou especialmente na tradución de Fernando Moreiras “o feito de ser a primeira tradución deste autor ao galego e a gran calidade de reprodución dos esquemas rítmicos da obra orixinal”.

Pese a que foi a primeira tradución íntegra que fixo dunha obra poética, o profesor vigués sinala que “desde que me iniciei neste traballo sempre estiven convencido de que a poesía pode traducirse con rima e ritmo poético”, subliña, ao tempo que explica que non se limitou a conservar o significado senón que dedicou “moitas horas e esforzo” a facer adaptacións entre dous sistemas poéticos e lingüísticos completamente distintos: o inglés e o galego. “Mantiven a rima consonante pero tiven que cambiar a lonxitude dos versos, optando por 14 sílabas en lugar de dez”, engadiu.

Dedicoulle a este traballo máis de dous meses, “non a tempo completo”, xa que compatibiliza este tipo de labores coas clases na Universidade e con outras traducións comerciais. “Isto tamén é unha vantaxe”, subliña o tradutor, firme defensor de que “a inspiración tamén conta” e de que esta forma de traballo “permíteche a posibilidade de dedicarlle horas cando te sentes inspirado e che saen as rimas e aparcalo por un intre se ves que non é o día”.


Un tradutor “da casa”

Pese a súa xuventude Fernando Moreiras, alumno da terceira promoción da licenciatura en Tradución e Interpretación, conta xa cunha dilatada traxectoria no eido da tradución. “Licencieime no ano 98 e comecei a traballar en firme a partir do 99, en principio con poucos textos e logo xa con carga de traballo a tempos completo”, subliña. Desde entón traduciu todo tipo de textos: xurídicos, técnicos, económicos e tamén literarios... só ou en colaboración con outros compañeiros de promoción “caso das traducións das obras de Dan Brown, que sempre os traduzo de xeito conxunto con Carlos Acevedo e Eva Almazán”.

No 2006 volveu a Universidade, nesta ocasión como docente de tradución xurídica “unha materia que a priori é das máis aburridas pero que para min ten o reto de facer que sexa interesante”.


O premio
O Premio de Tradución Plácido Castro é un galardón outorgado pola Fundación Plácido Castro en colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos co obxectivo de recoñecer a mellor tradución ao galego publicada nese ano na Biblioteca Virtual BIVIR (http://www.bivir.com). Creado co obxectivo de promover entre todos os tradutores de Galicia versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, este galardón carece de dotación económica, e nesta edición consiste nun diploma e nunha peza escultórica deseñada por Xaquín Chaves.