Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Festival Atlántica programa numerosas funcións en Santiago

Os máis cativos terán a oportunidade de gozar cos contos de Fátima Villamel e de Raquel Queizás nos centros socioculturais das Fontiñas e de Conxo // Trátase da quinta edición do Festival de Narración Oral

O Festival Atlántica 2017 afronta este venres a súa terceira xornada con catro actividades que se desenvolverán en varios puntos de Santiago e que abranguen tanto ao público infantil coma ao adulto. A primeira delas será unha contada gratuíta a cargo de Fátima Villamel no CSC das Fontiñas a partir das 18:30 horas. Baixo o título de ‘Tirando do fío’, a narradora convidará aos máis pequechos a descubrir historias, a viaxar a países afastados, a namorarse e romper corazóns, a xogar coas letras e as palabras ou, en definitiva, a soñar.

Tamén ás 18:30 horas pero percorrendo as rúas de Santiago van estar Manuel Gago e os afortunados que conseguiron entrada para unha actividade que colgou o cartel de entradas esgotadas hai varios días. Durante o percorrido, titulado ‘No rueguen a Dios por él’, Gago vai lembrar os crimes máis célebres que aconteceron na cidade. Os participantes na actividade poderán coñecer Compostela desde unha perspectiva distinta: a da súa crónica negra.

Un pouco máis tarde, a partir das 19:15 horas, volverá ser a quenda dos máis pequechos grazas ás ‘Historias da maletra’ de Raquel Queizás. A cita será no CSC de Conxo e con entrada gratuíta. Neste espectáculo, concibido para idades a partir de 3 anos, os nenos descubrirán que dentro da ‘maletra’ hai historias que levan moito tempo camiñando polo mundo e que de tanto viaxar coñeceron outras paisaxes, xentes doutros países e foron aprendendo a falar outras linguas.

O peche desta terceira xornada do Festival farao Soledad Felloza co espectáculo ‘Unha mulata na corte do Rei García’, que comezará ás 20:30 horas no Museo do Pobo Galego e con entradas a 5 euros. Da man da narradora uruguaia coñeceremos a unha mulata que chegou á corte do Rei García de Galicia e que, a diferenza do ianqui que parou na corte do rei Artur, non tenta cambiar todo cos seus coñecementos do futuro, senón que viaxa ao pasado para celebrar a riqueza dun reino que algúns queren deixar perdido no fondo dos tempos.

Un espectáculo para percorrer o mapa do imaxinario dun territorio que ten un humor e unha historia tan rica coma as súas altas ribeiras. Contos dun mundo onde a memoria vai máis aló, esfumándose e esborrallándose en mil recantos para se volver xuntar e contar de novo.

O DOMINGO

O domingoseráúltima xornada do Festival Atlántica 2017. Vai estar centrada no público infantil, con tres dos catro espectáculos programados dirixidos especialmente aos máis pequechos e ademais con entrada gratuíta. Así, a partir das 12 do mediodía, as ‘Contadiñas’ de Cláudia Fonseca chegarán ata á Biblioteca Pública Ánxel Casal. Trátase dunha colección de cantigas, contos cantados e pequenas historias con e sen libro, adaptadas para nenos entre 1 e 5 anos.

Á mesma hora pero no Museo do Pobo Galego volverán ao Atlántica os contos en lingua signada que tan boa acollida tiveron na pasada edición do Festival. Desta volta, será Fátima Villamel con ‘Mira!’ quen demostre que os contos non só se pasean polas orellas e pola lingua, senón que tamén se atopan nas mans, porque hai tantas formas de contar coma de escoitar.

Xa pola tarde, a partir das 6 e no CSC de Santa Marta, Sofia Maul e os seus ‘Contos da illa do medio do mar’ van levar os cativos ata un lugar onde medran dragos e por onde pasaron mariñeiros dos catro recantos do mundo. De aló chegaron historias que amosan o grande e marabilloso que é o mundo, tanto o real como o imaxinario. Contos de viaxes reais e fantásticas que serven para pensar, rir e medrar.
Función de peche e Cornamusa de Honra

No tocante aos adultos, a súa quenda será a partir das 21 horas no Auditorio de Galicia coa función de clausura do Festival, que estará a cargo de Christian Atanasiu con ‘Xograr coas palabras’. Trátase dun espectáculo que recolle textos de traballos anteriores, creando un xogo teatral pouco frecuente, espido e cheo de creatividade, de malabares coa linguaxe, de chimpos na lóxica común, cun humor absolutamente excéntrico, tolo e absurdo. As entradas para esta función pódense adquirir por 8 euros.

Logo de rematar a función, chegará o momento da entrega da Cornamusa de Honra, un dos actos máis sinalados do Festival Atlántica. Nesta edición, a organización decidiu recoñecer o labor do Museo do Pobo Galego, que leva gardando a memoria de Galicia durante corenta anos. Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo, recollerá das mans de Soledad Felloza, directora do Festival, a cornamusa obra de Marcelo Skapinachis.

Un domingo de festa
Malia a que a clausura oficial do Festival Atlántica será o sábado 18 de marzo, o domingo vanse desenvolver aínda dúas actividades relacionadas. A primeira delas será o ‘Curso de xograría: mímica das palabras’ que impartirá Christian Atanasiu de 9 a 13 horas no Centro Xove da Almáciga (40 € | Inscrición en festivalatlantica@gmail.com).

E como remate festivo desta quinta edición, haberá una Festa do Día Internacional da Narración Oral na que o público poderá gozar cos contos a carón dos artistas e do equipo do festival. Será unha xornada arredor da mesa, na que se mesturarán a comida e as historias. Concibida para o público familiar, para asistir é precisa a inscrición previa en festivalatlantica@gmail.com (13 h | Casa da Barcia – A Barcia, 1 – Riobó, A Estrada | Prezo: 10 €/persoa, 20 € familias con ata 2 nenos menores de 10 anos).

Sobre os narradores

As historias da galega Fátima Villamel comezaron a rebulir durante a súa estancia en Lanzarote, onde desenvolveu unha intensa actividade artística, sobre todo no eido do clown. Xa de volta a Galicia, afondou na narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo e tamén da man de diversos mestres. Os contos destinados ao público infantil son a súa especialidade.

O xornalista e escritor Manuel Gago é director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, amais de profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras destacan Herdeiros pola forza. Patrimonio, sociedade e poder na Galicia do século XXI (2.0 editora), Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia (Xerais, 2014) e a novela O Anxo Negro (Xerais, 2016). É o responsable de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), unha das bitácoras máis veteranas da blogosfera galega.

Cunha traxectoria de mais de dez anos dedicada á narración oral profesional, a galega Raquel Queizás (www.raquelqueizas.com) mantén en cartel case unha ducia de espectáculos de contacontos, de diferentes temas e adaptados a diversas idades, desde bebés ata adultos. De formación filóloga, cursou estudos de Artes Escénicas en varios centros e encontros de formación.

A uruguaia Soledad Felloza (http://soledadfelloza.com) dedícase á narración oral desde hai 25 anos. Tamén é docente, actriz, fotógrafa, escritora de literatura infantil e xuvenil e dramaturga, cunha ampla formación no campo do teatro e no eido dos contos. Recibiu o Premio Europeo ao mellor conto para nenos e nenas por ‘A cociñeira do rei’ (Editorial Oqo). O seu programa de radio ‘La casa disparatada’ foi declarado pola UNESCO de interese por mor do seu aporte á difusión dos dereitos da infancia. Ten editados discos de contos para nenos baixo o titulo ‘De Tin Marín’, esgotados neste momento.

Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.com.

Venres 17 de marzo | Axenda Santiago de Compostela

Fátima Villamel (Galicia)
“Tirando do fío”
18.30 H | CSC das Fontiñas | De balde | Infantil

Manuel Gago (Galicia)
“No rueguen a Dios por él”. Un paseo polos crimes en Compostela
18.30 H | rúas de Compostela | 5 € | PRAZAS ESGOTADAS

Raquel Queizás (Galicia)
“Historias da maletra”
19.15 H | CSC de Conxo | De balde | Infantil

Soledad Felloza (Uruguai)
“Unha mulata na corte do Rei García”
20.30 H | Museo do Pobo Galego | 5 €

Sábado 18 de marzo | Axenda Santiago de Compostela

Cláudia Fonseca (Brasil)

“Contadiñas”

12.00 H | Biblioteca Pública Ánxel Casal | De balde | Función para cativos de 1 a 5 anos

Fátima Villamel (Galicia)

“Mira!” (Contos signados)

12.00 H | Museo do Pobo Galego | De balde | Infantil

Sofia Maul (Madeira)

“Contos da illa do medio do mar”

18.00 H | CSC de Santa Marta | De balde | Infantil

Christian Atanasiu (Alemaña)

“Xograr coas palabras”

21.00 H | Sala Mozart, Auditorio de Galicia | 8 € | Adultos | Castelán

Domingo 19 de marzo | Axenda Santiago de Compostela

Christian Atanasiu

‘Curso de xograría: mímica das palabras’

9.00-13.00 H |Centro Xove da Almáciga | 40 €

Inscrición en festivalatlantica@gmail.com

Festa do Día Internacional da Narración Oral

Público familiar | Xantando contos e máis cousas con todos os artistas do festival

13.00 H | Casa da Barcia – A Barcia, 1 – Riobó, A Estrada

10 €/persoa, 20 € familias con ata 2 nenos menores de 10 anos

Inscrición previa en festivalatlantica@gmail.com | Prazas limitadas

16 mar 2017 / 09:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito