El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Final feliz con voda no último capítulo de ‘Pazo de familia’

Sara e Emilio contraeron matrimonio polo desexo da audiencia //A serie rexistrou o seu máximo de cota de pantalla, o 12,8 %

Sara e Emilio contraeron matrimonio gracias ao final elixido polos leales telespectadores desta ficción. - FOTO: crtvg.es
Sara e Emilio contraeron matrimonio gracias ao final elixido polos leales telespectadores desta ficción. - FOTO: crtvg.es

ÁNGEL ORGAZ  | 28.12.2018 
A- A+

Os telespectadores de Televisión de Galicia puideron elixir por primeira vez o final dunha serie, Pazo de familia, ficción producida e creada por José María Besteiro,   spin  off doutra exitosa realización emitida pola TVG: Libro de familia.

A fiel audiencia elixiu entre os dous finais alternativos e decantouse polo máis feliz, coa voda de Emilio e Sara, unha opción que foi vista a noite do pasado mércores por nada menos que 115.000 espectadores, o que supuxo unha cota de pantalla do 12,8 por cento, o máximo alcanzado por esta produción durante a última tempada.

Así, Pazo de familia volveu ser a opción elixida por unha boa parte dos televidentes galegos, que se dividiron maioritariamente entre esta serie e Operación Triunfo, que emitiu A Un de Televisión Española.

Os seguidores da serie que queiran ver o outro final das historias dos Pardo Veiga poden facelo na web da  Crtvg ou a través do Twitter de Televisión de Galicia na dirección @ TVGalicia.

E agora tomará a substitución desta serie a nova produción de  Galiwood, Lobos e  Cordeiros, unha nova idea orixinal de José María Besteiro, que conta na produción executiva con Silvia Carneiro.

Esta ficción arrincará o vindeiro mércores no prime time de Televisión de Galicia, á mesma hora que se emitía Pazo.

Está ambientada no 1898 en Ourense e o seu argumento conta a través de tres clans a historia de Galicia nos séculos XIX e XX.

É unha fcción de intriga e amores imposibles entre unha familia nobre, outra burguesa e unha terceira campesiña, cun pazo e un balneario como escenarios de fondo.

Na primeira entrega, Marta chega a Viguña para converterse na nova institutriz do fillo do marqués da casa na que traballará.