El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

XAIME BARREIRO, Redactor do programa ‘Historias mínimas’

“Con frecuencia, as cousas máis sinxelas adoitan levar moito traballo detrás”

Todo o mundo ten unha historia. Con esta premisa como punto de partida, o espectador está ante un programa de confidencias único, en que persoas anónimas relatan a súa vida. ‘Historias mínimas’ confórmase coa realidade de xente común, captada na rúa e sen ningún tipo de guión previo. Falamos coa mente inqueda Xaime Barreiro.

Historias mínimas’ percorre Galicia cunha alfombra, unha mesiña de noite e unha cadeira - FOTO: Tamboura Films
Historias mínimas’ percorre Galicia cunha alfombra, unha mesiña de noite e unha cadeira - FOTO: Tamboura Films

MARÍA ALMODÓVAR. SANTIAGO   | 14.09.2018 
A- A+

Catro minutos para contar unha historia. Persoas sen proxección pública que desexan compartir a súa intimidade cos espectadores. Como xurdiu este formato?

Nós tiñamos moitas ganas de facer un programa que dera voz a xente anónima. Un día estabamos a falar diso na barra dun bar cando a realizadora Gael Herrera, en medio da conversa, virou sobre si mesma e lanzouse a falar cunha muller que estaba á nosa beira. Aquela señora, de xeito inesperado, contou unha historia sorprendente, un relato de vida que nos deixou abraiados. Ademais, fíxoo en apenas catro ou cinco minutos e sen coñecernos de nada. Nese intre soubemos que o que tiñamos diante era o programa que buscabamos e puxémonos a traballar para facer que ese tipo de situación puidese xurdir de xeito natural diante dunha cámara.

E o contacto coa xente?

O contacto coas persoas éo todo en Historias mínimas. Saír á rúa e pararse a falar coa xente parece algo moi natural, pero xa non se fai. A xente ten moito que contar, de feito, todos temos unha historia, o que pasa e que ninguén nos pregunta nunca por ela. Nós somos rastrexadores, convertémonos en cazadores de historias e estamos descubrindo relatos marabillosos.

Podería exportarse?

Historias mínimas é un formato viaxeiro, xa anda por Madrid, e desde alá está sendo amosado en encontros audiovisuais de todo o mundo espertando moitísimo interese. Podemos sentirnos orgullosos de que a súa primeira expresión nacera na nosa terra e puidera desenvolverse desde aquí grazas a unha estreita colaboración coa TVG.

Ademais, o set é moi particular, moi personalizado. Por qué?

En efecto, viaxamos cunha alfombra, unha cadeira e unha mesiña de noite, sentamos a alguén, escoitamos a súa historia, recollemos todo, subimos ao coche e seguimos percorrendo Galicia. A idea é que todo sexa moi livián, pero poñemos moitísimo esmero nas localizacións. Cada persoa está rodeada da súa propia paisaxe, que debe ser inspiradora, fermosa, e aportar unha atmosfera case poética, ninguén máis contará unha historia nese mesmo lugar. Cando falo de poesía falo tamén de realización, non soamente do contexto ou do contido dos relatos. Falo de recursos visuais e, por exemplo, dun encadre televisivo no que a xente entra coa cabeza cortada, senta, fala, érguese e ­desaparece. Nada diso é casual e todo sae da factoría de ideas que son os irmáns Lautaro e Gael Herrera Batallán.

Sabes cal é a razón de por que a xente necesita contar a súa historia? É unha maneira de reconciliarse co mundo?

A xente necesita falar, o que non sempre necesita é que a súa historia sexa televisada claro, ese xa é un asunto noso. Para min a esencia é lograr que a sensación despois de animarse a facer televisión con nós sexa fantástica e que mellore cando se vexan na televisión. Doutro xeito isto non tería ningún sentido. Eles son os actores dunha historia real que coñecen moi ben porque a viviron; eu, o guionista dunha historia para min descoñecida ata o momento da rodaxe. Facer televisión así é interesantísimo. Trátase de aportarlle, a quen o precisa, as armas para que os seus relatos comecen dalgún xeito atractivo, cheguen a un clímax e teñan un desenrolo conclusivo. Moita xente conta anécdotas graciosas que recordarán sempre, outros comparten momentos cruciais que marcaron as súas vidas, e outros resumen a súa vida enteira nun intre. Aínda estamos a debater cal desas cousas é máis historia mínima ca a outra, esta primeira temporada non deixa de ter algo de experimentación, o programa debería ir pouco a pouco collendo a súa forma definitiva.

De todas as historias que ­chegaron a vós, hai algunha que estea nas vosas cabezas ou nos ­vosos corazóns?

Hai moreas, asegúrocho. Ás ­veces vou pola rúa a aparece alguén que contou unha historia mínima con outro redactor e non podo evitar achegarme e dicir: "Meu, escoitei a túa historia". Nese momento sinto moita tenrura ou ganas de rir, síntome conectado con esa ­persoa, creo que isto lle pasa a todo o equipo.

 

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt