El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O galego escóitase por primeira vez en Cannes con 'O que arde'

Producida co apoio da Xunta, a película de Oliver Laxe compite na sección Un certain regard // Rodada en lingua galega nos Ancares, céntrase nos incendios

Sutil, na primeira fila á esquerda, xunto a Laxe e o resto do equipo da película en Cannes
Sutil, na primeira fila á esquerda, xunto a Laxe e o resto do equipo da película en Cannes

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 22.05.2019 
A- A+

A lingua galega escoitouse por vez primeira desde as pantallas de cinema do Festival de Cannes na estrea no mediodía de onte da película de Oliver Laxe O que arde, coa que foi seleccionado para competir na sección Un Certain Regard, que o certame francés lle dedica a obras con olladas cinematográficas orixinais e diferentes.

Rodada integramente en galego en varias localizacións dos Ancares e doutros puntos da comunidade autónoma durante o pasado verán, esta terceira longa de Oliver Laxe contou co apoio da Xunta para a súa produción, encabezada pola empresa compostelá Miramemira, que no ano 2016 foi a adxudicataria dunha subvención de máis de 209.000 euros a través da convocatoria anual de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Prolongada ovación. O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de O que arde no primeiro dos seus catro pases no evento galo, que rematou cunha prolongada ovación por parte do público.

Trátase, ademais, da terceira participación do cineasta galego neste prestixioso festival, onde xa acadou o premio Fipresci da Quincena de Realizadores en 2010 con Todos vós sodes capitáns e o gran premio da Semana da Crítica en 2016 coa cinta Mimosas.

Xunto co realizador galego, estiveron tamén nesta estrea en Cannes Amador Arias e Benedicta Sánchez, os dous actores amateur que protagonizan a película, así como Andrea Vázquez, Xavi Font e Damián Varela, produtores de Miramemira; Mauro Herce, director de fotografía; Santiago Fillol, guionista; Cristóbal Fernández, montador; Luís Bertolo, axudante de dirección; Nadia Acimi, xefa de vestiario, e varios representantes das outras tres empresas implicadas nesta coprodución internacional: a vasca Kowalski Films, a francesa 4 A 4 Productions e a luxemburguesa Tarantula.

O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal.

Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio forestal devastador.

A idea do filme xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe. Nela, achega a súa visión dos lumes forestais mediante unha dobre aproximación.

Dunha banda, a historia de Amador (Amador Arias), un pirómano que volve a casa tras cumprir dous terzos da súa condena, e ao que a súa nai (Benedicta Sánchez) e as súas tres vacas espéranlle no pobo, onde a rutina instálase ata que un novo incendio fai explotar a calma, xerándose numerosas tensións cos seus veciños cando se produce o novo lume. E doutra, as dificultades que deben acometer os efectivos humanos incorporados á loita contra esta lacra.

Galego aínda que nacido en París en 1982, rodou na aldea onde naceu a súa nai e el pasaba os veráns de neno: Os Ancares, un lugar de catro casas no que retrata coa súa cámara "eses xestos milenarios, eses hábitos, esa órbita do rural" na que se criou.

O seu próximo proxecto, unha road movie psicodélica entre Europa e Mauritania, segundo informa a axencia Efe ao respecto.

Oliver Laxe cineasta

"A xente non entende que ser pragmático é realmente non selo. Eu sospeito do camiño fácil coma se fose o demo"

"O lume é o espello ao que mírase cada personaxe e onde mira o espectador"

"A xente non entende que ser pragmático é realmente non selo. Eu sospeito do camiño fácil como do demo"