El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

'Galician Film Forum' presenta en Londres o documental 'N-VI' de Pela del Álamo

O evento xorde da colaboración con Iberodocs, festival de cine documental iberoamericano de Escocia // O obxectivo do GFF é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

Imaxe da longametraxe 'N-VI', de Pela del Álamo, presentada en Londres - FOTO: Captura
Imaxe da longametraxe 'N-VI', de Pela del Álamo, presentada en Londres - FOTO: Captura

LONDRES. 05|06|  | 06.06.2015 
A- A+

O Galician Film Forum (GFF) celebrou a segunda xornada de cine galego en Londres este venres, 5 de xuño, na prestixiosa escola de cine London Film School, en Londres. O evento consistiu na proxección de tres documentais dirixidos por cineastas galegos: a longametraxe N-VI de Pela del Álamo (ver trailer) e as curtas AADAT, dirixida por Xisela Franco e Noe Rodríguez, e Pettring de Eloy D. Serén. Despois dos filmes tivo lugar un coloquio no que participou o director Pela del Álamo.

A segunda edición do GFF é unha colaboración con Iberodocs, o festival de documental iberoamericano que ten lugar entre o 14 e o 24 de maio en Edimburgo e Glasgow. O programa está composto por producións en portugués e castelán, ademais dunha lista de títulos galegos recollidos no bloque bautizado 'Focus on Galicia'. Entre eles destacan os documentais presentados na segunda edición do GFF.

Os tres documentais que conforman o programa do segundo GFF foron rodados por cineastas galegos fóra de Galicia, xa fora por interese ou circunstancias persoais. N-VI percorre a vella estrada que unía Galicia con Madrid para descubrirnos as vidas e persoas que ficaron atrás. Pettring é o diario filmado por Serén durante a súa experiencia como emigrante en Suecia. AADAT é un retrato visual dun campo de refuxiados no Sahara.

Algúns destes filmes foron encadrados no 'Novo Cinema Galego', movemento cinematográfico que está a ter gran difusión internacional dende a presenza de Todos vós sodes capitáns, filme de Óliver Laxe, no Festival de Cannes.

Quen son os directores?

Pela del Álamo (Madrid, 1979) Produtor e realizador. É licenciado en Comunicación Audiovisual e Máster en Documental de Creación pola Universitat Pompeu Fabra. Dende 2001 ten traballado en publicidade, televisión e ficción. No 2005 crea Diplodocus Producións, co obxectivo de desenvolver os seus proxectos persoais no ámbito do documental. Dous anos despois comeza o longo proceso de produción da longametraxe N-VI, que estreará no 2012. Con este filme consegue recoñecemento no Festival de Málaga, Márgenes, MiradasDoc e Alcances e está presente tamén na Seminci, Cinespaña, Lima Independiente e DocumentaMadrid.

Xisela Franco (Vigo, 1978) Cineasta e investigadora. É licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades. No 2003 funda xunto a Noé Rodríguez 'Epojé Films' e con esta produtora guionizan e dirixen documentais para televisión. No 2006 estuda en Canadá un máster onde profundiza na teoría e práctica documental. De volta en Vigo, doutórase en Belas Artes cunha tese arredor do cinemuseo. Ten dirixido máis dunha vintena de documentais e pezas experimentais. Codirixe en 2004, con Noe Rodríguez, AADAT. Este documental foi premiado no festival de videoarte de Vitoria Gasteiz e seleccionado na European Short Film Biennale de Alemania e Images Festival de Toronto.

Noé Rodríguez empezou a súa actividade profesional hai máis de 15 anos. Fundou xunto a Xisela Franco a produtora 'Epojé Films'. A través dela coproduciu e codirixiu A ADAT, documental etnográfico que tivo gran acollida en festivais internacionais. Deseguido, obtivo a bolsa de CaixaCanada e mudouse a Toronto para estudar produción de cine na Universidade de York. Na actualidade reside nesa cidade e participa activamente na comunidade de cinema experimental.

Eloy D. Serén (Simes, 1985). Cineasta. Estuda Ciencias da Comunicación en Salamanca, Milán e Barcelona, onde a continuación realiza un Máster en teoría e práctica do documental creativo. Antes de comezar a súa andaina como cineasta traballa como crítico de cine na Radio Galega, Cahiers du Cinéma España e Cineuropa. En 2012 emigra a Suecia, onde filma o seu documental Pettring. Este traballo estreouse no Festival Europeo de Sevilla en 2013 e ten sido seleccionado en numerosos festivais internacionais. Actualmente traballa na súa segunda longametraxe.

Que é o Galician Film Forum?
O GFF é unha iniciativa que xorde de xeito espontáneo a principios deste ano nun grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O obxectivo do GFF é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

A primeira xornada de cine galego en Londres organizada polo GFF tivo lugar o pasado 20 de marzo na universidade King’s College. O programa incluíu a longametraxe ‘Encallados’ , dirixida por Alfonso Zarauza, e dúas curtametraxes: ‘1977’, animación dirixida por Peque Varela e ‘Curricán’ de Álvaro Gago.

O Galician Film Forum ten vocación de continuidade servindo baixo tres eixes ao cine galego: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais.

galicianfilmforum@gmail.com
facebook.com/GalicianFilm
twitter.com/GalicianFF